Acondicionan os accesos ás praias de Vilagarcía para esta Semana Santa
Por Redacción
Durante estes días, ante a previsión de bañistas durante esta semana Santa nas praias do municipio, o persoal de Cespa, a concesionaria do servizo de limpeza de Vilagarcía de Arousa, realizaba traballos de acondicionamento das praias mediante a limpeza manual e mecanizada dos areais de Campanario, A Covacha, Portugalete, Concha-Compostela, Canelas, Castelete e Preguntoiro.
Os operarios municipais tamén executaron unha revisión das pasarelas de madeira de acceso ás praias. Repuxéronse os taboleiros que se soltaron ou deteriorado durante o inverno. Tamén se acondicionaron as zonas de recreo da contorna de praias como O Piñeiral e o Parque da Concha, do mesmo xeito que o estacionamento de Preguntoiro.
Segundo informa o Concello de Vilagarcía intensificáronse os traballos de arranxo de beirarrúas e zonas peonís, cunha actuación especial no Parque Miguel Hernández, co arranxo provisional de todo o pavimento mentres non se acomete o proxecto de reforma integral deste espazo.
CAMPAÑA DE PRIMAVERA
O Concello tamén pon en marcha a campaña de primavera cunha programación de actividades de mellora de espazos públicos e a reposición de ornamentación floral. Neste sentido, nas últimas semanas plantouse a nova flor de tempada e repuxéronse árbores danadas.
A Praza de Ravella, a Praza de Galicia e varias rotondas xa foron melloradas, segundo informa o goberno local. Tamén se acondicionou unha illa verde do recinto de Fexdega onde, ademais dunha limpeza de herbas, plantáronse catus e outras plantas. A renovación floral continuará durante as próximas semanas noutros puntos do centro urbano.
No Parque da Compostela plantáronse cinco exemplares novos de piñeiros, cinco magnolios e un prunus serrulata (cerdeira). A actuación completouse coa ornamentación con lavanda e outras plantas silvestres e o lavado con auga a presión das bancadas de pedra.
Ademais, repuxéronse dous camelios na Praza da Peixería; trátase da mesma especie utilizada na zona de recreo da Praia do Campanario, onde se plantaron outros catro. Na zona das palmeiras eliminadas na avenida Rodrigo de Mendoza pola praga do picudo vermello, plantáronse cinco albizias.
Nos parques infantís están a repoñerse elementos de xogos danados e tamén se repasou a maquinaria das zonas biosaudables.