Vilagarcía subvencionou o bono bus municipal a un total de 75 persoas maiores en 2021
Por Oskar Viéitez
A Concellería de Persoas Maiores de Vilagarcía conta dende hai anos cun programa de bono bus municipal para garantir a mobilidade e autonomía das persoas de maior idade e con menos ingresos. En 2021, un total de 70 maiores contaron co bono bus subvencionado pola Concellería a través dun acordo coa empresa Pereira. O departamento que dirixe Tania García destinou o ano pasado 3.690 euros a financiar este programa.
O bono bus ten un custe de 25 euros, dos cales o beneficiario só paga 10, posto que a Concellería abona outros 10 e a empresa os 5 restantes. Funciona como unha tarxeta moedeiro, polo que vaise descontando dela cada viaxe que o usuario realiza nas liñas urbanas de Pereira. Aínda que ten unha duración mensual, de non esgotar os 25 euros neste período, o saldo pode seguir utilizándose pasada esa data ata esgotarse, ou acumúlase, no caso de renovar a mensualidade.
A estas alturas do ano, xa se teñen concedido 60 tarxetas de transporte para ser utilizadas ao longo de 2022.
VAOS
O Concello de Vilagarcía pon a cobro o luns, 11 de abril, a taxa anual dos 2.184 vados existentes no territorio municipal, pago que, dentro do período voluntario, poderase realizar ata o 13 de xuño. Os recibos domiciliados cargaranse nas contas dos contribuíntes o 4 de maio. O Concello prevé recadar 110.498 euros por esta taxa de ocupación do dominio público.
Unha vez rematado o prazo voluntario de pago aplicaranse os correspondentes xuros de demora. Para evitar esta situación, recoméndase a domiciliación do pago, sistema ao que xa están adheridos o 79% dos recibos incluídos no padrón fiscal desta taxa (1.720 recibos). Os contribuíntes que queiran domiciliar o abono deberán comunicalo ao Servizo de Recadación cunha antelación mínima de 15 días antes da data de cargo en conta (o 4 de maio).