Marcos Rey recorda ao PP que os servizos sociais son competencia da Xunta
Por Redacción
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, saiu este luns ao paso das críticas do PP nas que criticaban a petición de 2,1 millóns de euros do goberno local á Xunta para financiar programas sociales al entender que son competencia municipal. O edil amosouse "estupefacto" coas críticas e sinalou que "é un auténtico disparate, por non dicir unha burrada, dicir que compete á Administración municipal".
Fixo referencia o socialista ao Estatuto de Autonomía para avalar a súa postura. "Aparece no artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia como unha competencia exclusiva da Xunta, que menos que pedirlle que arrime un pouquiño o ombro en materia de servizos sociais e apoquine unha parte", asegurou Rey.
Non obstante, o que máis sorprende ao concelleiro do PSOE é que a popular Silvia Junco, "que forma parte da Corporación municipal de Pontevedra e que se supón que, como oposición, debería defender os intereses dos pontevedreses e as pontevedresas, adopte o perfil de voceira da Xunta de Galicia e se opoña a que a nosa cidade perciba unha axuda económica dunha administración que ten orzamento de sobra para facelo e que tenta escorrer o vulto".
Fronte ao desprezo que Junco fai sobre o seu grao de coñecemento da lexislación vixente, tildando de "estéril" a petición, o concelleiro de Benestar Social lémbralle que "a Xunta xa colabora economicamente co Plan Concertado, polo que tan estériles non son as peticións", e que o informe da solicitude económica efectuada "conta co aval do coñecemento e a experiencia dos técnicos municipais".
Asemade, Marcos Rey pídelle ao PP municipal que "se quere actuar de avogado e mediador dos intereses da Xunta, lle pase por favor o recado de que seguimos a agardar pola convocatoria da comisión de seguimento da Unidade de Atención ás Drogodependencias (UAD)", xa que "lles pedimos que a convocaran a principios de marzo, foi algo aprobado por unanimidade no Parlamento Galego e están a facer bastante o remolón".
Sobre a lista de espera para recibir atención por parte do departamento de Servizos Sociais, nega Rey que supere os catro meses. "A lista de agarda da atención telefónica ronda a semana de media, como moito os 15 días; a presencial é de entre 15 días e un mes. A asistencia de urxencias, previa valoración técnica, aténdese no mesmo día, e a primeira atención como moito en 15 días", aclara o concelleiro socialista.
Relacionadas:
-
Lores, sobre a UAD: "Se o concelleiro responsable considera que hai que facer algún tipo de actuación, obviamente, incluirémola nos orzamentos"
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares critican que Benestar Social pida axuda á Xunta para financiar competencias municipais
Por Redacción |
-
Petición de Benestar Social á Xunta dunha achega de máis de 2 millóns de euros para programas do Plan Concertado
Por Redacción |