A inflación nin dispara os prezos nin reduce a demanda de roscas e ovos de Pascua
Por Manu Otero & Mónica Patxot
A campaña de Pascua xa está en marcha e nas principais panaderías e pastelerías de Pontevedra o goteo de clientes é xa incesante. "A xente recuperou a ilusion, xa volven facer encargos como antes. Aínda que os días fortes son a partir do xoves", explican desde Panadería Abelleira moi satisfeitos co inicio da tempada.
A demanda de roscas e ovos de chocolate está a romper todas as expectativas. "Temos moitísimos encargos e tamén moita venda", recoñecen en Confitería Solla. "Está a ir sorprendenremente ben, temos xa algúns andeis vacias e xa empezamos a semana anterior a recibir encargos porque se ve que a xente este ano xa se anima a viaxar e xa deixan a Pascua lista", engaden desde Capri.
Aínda que aínda é pronto para saber se a campaña será mellor que a anterior, as previsións son inmellorables. "Hai moito interese, faremos balance ao finalizar a campaña", deslizan desde Solla unhas sensacións compartidas en todo o gremio.
A inflación e a folga do transporte poderían ser dous factores decisivos nesta campaña, pero nos primeiros días de venda parece que non está a ser así. A subida do prezo das mercadorías é un feito, pero nas panaderías decidiron non repercutir este incremento dos custos nos clientes. A maioría manteñen os prezos do ano pasado e os que decidiron actualizalos aplicaron unha subida mínima.
"Non subimos o prezo e iso que deberiamos subilos por todo o que nos aumentaron os custos, pero este ano decidimos facerlle a Pascua nós aos nosos clientes", sosteñen desde Capri.
Aínda que lles gustaría, non todos puideron aplicar esta medida. "Tivemos que subir os prezos un euro con respecto ao ano pasado, pero pasa con todo o que leve fariña. Por exemplo, un croissant pasou dun euro a 1,20", explican desde outro obradoiro.
O desabastecemento provocado pola folga de transportistas tampouco se deixou notar nesta campaña de Pascua porque os panadeiros foron previsores. "Traballamos con stocks moi grandes, pero ademais os nosos provedores portáronse moi ben e ata nos traían a mercancia en coches particulares para que non nos faltase nada", agradecen desde Capri. As reservas nos almacéns de Solla e Abelleira son tamén suficientemente amplas como para afrontar esta campaña sen dificultades.
As roscas seguen sendo o produto estrela da Semana Santa, pero cada vez véndense máis figuras de chocolate. En Capri están a triunfar ademais as elaboracións máis artísticas con formas de pa de pádel, de patíns ou de personaxes de películas. "E todo o facemos aquí, menos os produtos sen glute", destaca a responsable dunha panadería á que, como noutros moitos obradoiros da Boa Vila, non deixan de entrar clientes para reservar os seus doces de Pascua desde hai unha semana.
Relacionadas:
-
O PP propón un plan municipal de axudas de ata 600 euros para reducir a factura enerxética a familias vulnerables
Por Redacción |
-
As panaderías quedarán sen fariña en dúas semanas se a folga continúa
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O sector da alimentación capea, por agora, o desabastecemento pola folga do transporte
Por Manu Otero & Mónica Patxot |