O sector da alimentación capea, por agora, o desabastecemento pola folga do transporte
Por Manu Otero & Mónica Patxot
Calma tensa nos establecementos de alimentación da cidade. Os andeis non dan síntomas por agora de desabastecemento, pero tanto consumidores como vendedores temen que nas próximas datas, se o conflito do transporte segue enquistado, queden sen provisións.
Nas principais cadeas de alimentación o que máis escasea é a fariña e a pasta, mentres que a dispoñibilidade de aceite de xirasol, como a de leite e os seus produtos derivados segue caendo día a día como consecuencia da psicose dos consumidores, que compran de forma compulsiva, e dos problemas coa cadea de transporte pola folga.
A dispoñibilidade varía en función do establecemiento, mentres que en cadeas de ámbito nacional e internacional acusan máis a falta destes produtos, en dúas coñecidas marcas de orixe galega, como Gadis e Froiz, aínda non experimentan grandes contratempos.
Negan, tanto compradores como desde o colectivo de consumidores, que o problema coa falta e subida de prezo do aceite de xirasol sexa consecuencia da guerra en Ucraína. "O que hai é moita especulación, o aceite que compramos é da colleita do ano pasado polo que non pode haber escaseza, están a sacalo aos poucos ao mercado para subir o prezo", protesta o propietario dun restaurante na zona vella de Pontevedra.
A súa tese corrobórana desde a Asociación de Consumidores e Amas de Casa Rías Baixas. "Hai especulación por parte das cadeas", denuncian desde o colectivo. Alegan que a crise do aceite de xirasol pola guerra en Ucraína debería notarse o próximo ano e aínda así aseguran que en España hai alternativas suficientes para suplir a falta deste tipo de aceite.
Critican ás grandes cadeas de "meter o medo no corpo ao consumidor", que actúa de forma "egoísta" e compra "sen pensar" un produto que ten data de caducidade. Tampouco aproban desde esta asociación a decisión dalgunhas empresas de racionar a compra deste tipo de produto.
Máis volátil está o mercado dos produtos frescos que pode cambiar de forma inmediata en función da evolución da folga do transporte. "Agora mesmo, en liñas xerais, non se nota. Empezarase a notar esta semana pero esperemos que non se produza. Se ocorre, os produtos frescos como os legumes, a froita ou o peixe será o primeiro no que notemos", comentan sobre un posible desabastecemento no sector da alimentación.
Nalgunhas carnicerías chama a atención as poucas reservas que quedan de polo ou porco e os responsables achácano principalmente á acción dos piquetes. "Eu hoxe non teño porco porque o camión non pode levar aos animais ao matadoiro por medo a que lle piquen as rodas", protesta a propietaria dunha carnicería no mercado na que, por agora, non notou ningún tipo de problema no abastecemento de pito nin tampouco doutros tipos de carne.
Pola contra, a falta de polo, sobre todo o envasado procedente de distribuidoras destes produtos, se que é notorio nos supermercados da cidade.
Nas pequenas tendas de ultramarinos e supermercados do centro pontevedrés tampouco se viron gravemente afectados pola folga, polo menos de momento. "O único que notamos é que algún pedido en lugar de chegar un día, chéganos ao seguinte, pero por agora temos de todo, como podes ver", explican nun supermercado próximo ao mercado de abastos pontevedrés.
"Nótase escaseza só nalgúns produtos, como a pasta ou a fariña, pero o problema principal é que non veñen os clientes", engaden noutro establecemento da rúa Real.
E é que a subida de prezos está a provocar unha caída no consumo, recoñecen desde as colectivo Rías Baixas.
"A subida de prezos está a ser disparada desde febreiro, desde antes da guerra. Subiu todo: a pasta, o arroz, a fariña, as froitas, a carne, o leite, o pan, o aceite. A prioridade ten que ser parar a alza do prezo da luz e así todo estabilizarase", explican desde esta asociación de consumidores desde a que piden a todas as partes implicadas na folga "que pensen en como está a afectar todo isto aos consumidores e que se poñan as pilas".
MERCADO DE ABASTOS
Se o ambiente está tenso nos supermercados, na praza de abastos de Pontevedra a crispación está polas nubes. Este martes o peixe abundaba en todos os postos de venda do mercado, aínda que é certo que algúns vendedores non acudiron esta xornada ao seu posto de traballo.
"Peixe hai, o problema é que a xente cre que hai desabastecemento e non están a vir ao mercado", argumenta un dos vendedores moi molesto co tratamento do conflito por parte dos medios de comunicación.
"Eu compro o peixe todos os días na lonxa de Marín e ata a data non houbo ningún problema, os barcos saen a traballar e descargan como sempre", asegura.
A súa postura aválaa outra das vendedoras máis veteranas do complexo pontevedrés. "En Marín a lonxa estaba chea, non houbo ningún problema. Todo o da ría, que é o bo e espectacular, hai dabondo. Non sei xa nas lonxas de altura", puntualiza Celia Abal, propietaria dunha carnicería no mercado e unha das portavoces do colectivo de placeiros.
Relacionadas:
-
Portos e polígonos centrarán a atención policial para garantir a actividade dos transportistas durante a folga
Por Redacción |
-
A inflación nin dispara os prezos nin reduce a demanda de roscas e ovos de Pascua
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Baixa o ritmo de varias obras municipais pola folga do transporte
Por Redacción |
-
As panaderías quedarán sen fariña en dúas semanas se a folga continúa
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A frota pesqueira desconvoca a folga e volve faenar
Por Manu Otero |
-
O CSIF ameaza con sacar aos funcionarios á rúa se o Goberno mete man nos seus salarios ou condicións laborais
Por Manu Otero |
-
A frota pesqueira da ría únese á folga polo elevado prezo do combustible
Por Manu Otero |
-
Reforzan a presencia policial para "garantir o dereito ao traballo" pola folga do transporte
Por Manu Otero |
-
A tensión recrúase na zona cero da folga do transporte en Pontevedra con novos ataques a camións
Por Manu Otero |
-
A milla de ouro pontevedresa xa padece os efectos da folga do transporte
Por Manu Otero |