Repoñen e protexen con bolardos as esculturas dos Danzantes de Marín
Por Redacción
As esculturas que renden homenaxe aos danzantes da Danza dás Espadas de San Miguel xa foron repostas polo Concello despois das desfeitas causadas pola colisión dun vehículo que tivo lugar no mes de febreiro.
Para evitar que se repitan estes sucesos, que non era a primeira vez que ocorrían, desde o goberno local promoveron a colocación de dous bloques de pedra que evitarán que se produzan novos danos tanto ao conxunto escultórico como á fonte, continuamente avariada polo paso de vehículos sobre ela.
O pasado 12 de febreiro os residentes da Rúa do Sol espertáronse cunha desoladora imaxe. Durante a madrugada un vehículo que circulaba a alta velocidade por esta céntrica rúa de preferencia peonil chocou contra a estatua dos Danzantes, situada na contigua Praza do Reloxo.
Como consecuencia do impacto, a estatua quedou completamente esnaquizada e o responsable deuse á fuga deixando no lugar dos feitos parte da matrícula do vehículo.
Finalmente o condutor foi identificado e tratábase dun veciño da vila xa coñecido polos seus antecedentes de condución baixo os efectos do alcol e a altas velocidades. Ademais comprobaron que os danos no vehículo correspondíanse co impacto.
Non é a primeira vez que esta escultura que honra á Danza de Espadas de San Miguel é obxecto de vandalismo. Pouco despois da súa inauguración no 2012, os vándalos danaron a espada que portan os danzantes.