Cuntis aborda a limpeza e acondicionamento das súas áreas recreativas
Por Redacción
Unha brigada composta por catro persoas está a executar os traballos de acondicionamento e mantemento das principais áreas de ocio e esparexemento de Cuntis.
O obxectivo deste operativo é que a veciñanza poida gozar destes espazos públicos nas mellores condicións posibles especialmente nestes días festivos.
Ofrecer unha imaxe saneada ás persoas que durante esta Semana Santa escollen Cuntis para gozar dun pequeno descanso é outro dos obxectivos que persegue esta campaña.
Cuntis conta, a través dunha achega do Plan Concellos da Deputación, cunha brigada formada por catro traballadores que se encargarán de manter as principais áreas recreativas limpas durante os vindeiros seis meses.
Estes traballadores compaxinarán estas tarefas con traballos de protección contra os incendios forestais e de apoio á limpeza viaria cos tractores municipais.
“Estou moi satisfeito co traballo desta brigada porque nun municipio tan extenso como Cuntis o tema da roza é especialmente complexo”, apunta o alcalde Manuel Campos.
Polo de agora, a brigada realizou traballos de roza tamén nas parroquias de Troáns, Mesego e Monumento e está previsto que nos vindeiros días procedan á limpeza de sendeiros e vías de comunicación tanto en núcleos rurais como en zona urbana.