Seguimento desde terra e en piragua para que dous arroaces non varen en Lourizán
Por Redacción
Integrantes da Coordinadora para o Estudo dos Mamífero Mariños de Galicia (Cemma) acompañaron este xoves durante tres horas a dous arroaces que quedaran confinados nas pozas de auga que se forman entre as linguas de area de Lourizán.
Segundo a información facilitada por Cemma, recibiron o aviso pola presenza de arroaces na desembocadura do río Lérez "con risco de varar", de modo que se desprazaron ata o lugar e, á súa chegada, descubriron que había dous exemplares que quedaran por fóra da canle de navegación.
Coa baixamar, estaban confinados nas pozas entre as linguas de area de Lourizán e non podían saír, pero desde Cemma destacan que estaban "con auga suficiente para moverse".
Durante tres horas, estiveron a seguilos desde terra e piragua mentres subía a marea, para evitar que varasen. Acompañáronos ata que saíron, sen detectar ningún problema.
Durante o tempo que estiveron a facer garda para evitar o varamento, mesmo viviron escenas nas que os animais estiveron a xogar a levar un alga na dorsal.
Relacionadas:
-
A 34ª Conferencia anual da Sociedade Europea de Cetáceos celebrarase no Grove
Por Oskar Viéitez |
-
Atopan en Arousa unha quenlla dunha especie nunca vista ata o de agora en Galicia
Por Redacción |
-
Esixen a aplicación das leis de protección animal
Por Oskar Viéitez |
-
Liberados os tres golfiños atrapados na Toxa
Por Oskar Viéitez |
-
Cemma prepara o rescate de tres arroaces baixo a ponte da Toxa
Por Redacción |