Cemma prepara o rescate de tres arroaces baixo a ponte da Toxa
Por Redacción
Responsables da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Emerxencias e o Concello do Grove preparan os medios para afrontar o rescate dos tres arroaces que se atopan na zona da ponte da Illa da Toxa coa intención de liberalos na ría de Arousa.
Trátase dun operativo complexo polo tamaño destes exemplares e polo número, xa que será a primeira vez que este colectivo enfróntase a un rescate de tres animais desta especie.
Pertencen á variedade Tursiops truncatus e levan desde a madrugada do mércores 24 baixo a ponte. O catálogo de Fotoidentificación de CEMMA tenos identificados cos seus respectivos nomes. Aquelado e Capitán son exemplares adultos, que se seguen desde os anos 2003 e 2014, mentres que Grumete é un exemplar probablemente xuvenil que se rexistrou neste 2021.
Segundo indican desde CEMMA, os tres foran observados xuntos durante as campañas de embarques participativos que organiza esta ONG durante o mes de agosto nestas mesmas augas da ría de Arousa.
É normal que estes animais naveguen entre Cambados e A Illa da Toxa, pero non é habitual que se introduzan na parte interior da Toxa en dirección ao Grove porque identifican os baixos e as zonas elevadas da area como zonas de perigo onde poden quedar varados en baixamar. Trátase dunha situación rara para esta especie, coñecedora dos fondos e as mareas, algo que non sucede cos golfiños comúns (Delphinus delphis) e este mesmo ano foron rescatados algúns exemplares ao quedar varados nesta zona ao descoñecer o funcionamento das mareas neste punto xeográfico. Trátase dunha zona na que se rexistran confinamentos de cetáceos que, en ocasións, varan na zona de O Vao ao tentar saír cara a mar aberto atravesando o istmo da Lanzada. Os expertos móstranse sorprendidos: "é coma se o seu mapa xeográfico estivese con data do século XVI, cando O Grove era unha illa".
Actualmente os tres arroaces móvense nas augas da base da ponte ao ser máis profundas durante a marea baixa e nadan nesa zona con seguridade, segundo indican desde CEMMA. Cando sobe a marea aumentan o radio de navegación pero non chegan a desprazarse a gran distancia.
Grazas ás mareas mortas non quedan varados en baixamar pero esa mesma situación provoca que tampouco consigan saír rodeando a illa grovense, ao producirse unha oscilación da marea de 60-90 centímetros mentres que nas mareas vivas chega a ser de 200 centímetros.
Desde os anos 2000, polo menos catorce cetáceos entraron nesta zona sós ou en grupo. En todas as ocasións foi necesario o rescate e na maior parte dos casos marcharon unha vez finalizado o rescate.
CEMMA lembra que mantén unidades móbiles con atención permanente de avisos de varamentos para o caso de que se presente unha eventualidade. O teléfono activo as 24 horas é o 686.98.90.08 e tamén é posible contactar a través do teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.
Relacionadas:
-
Seguimento desde terra e en piragua para que dous arroaces non varen en Lourizán
Por Redacción |
-
Liberados os tres golfiños atrapados na Toxa
Por Oskar Viéitez |
-
CEMMA logra salvar dous golfiños varados no Grove
Por Redacción |
-
Denuncian malas prácticas cos cetáceos por parte dalgúns bañistas, navegantes e profesionais do mar
Por Oskar Viéitez |