Denuncian malas prácticas cos cetáceos por parte dalgúns bañistas, navegantes e profesionais do mar
Por Oskar Viéitez
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) afirma que dende hai anos "as mandas de arroaces son perseguidas e acosadas durante o verán dende que sae o sol ata que se pon". Sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos de Galicia, entre eles destacan Combarro, Sanxenxo, Portonovo e Baiona.
Dende o Cenma inciden en que, se ben teñen constancia do bo facer de moitos navegantes, que cando detectan a presenza de cetáceos son respectuosos coa lexislación vixente, coa presenza dos cetáceos e mesmo dan avisos a esta coordinadora para levar o rexistro destas especies, "ocasionalmente motos acuáticas e embarcacións deportivas persisten no acoso ás mandas".
"Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles" cualificándoos de "plaga", unha visión que "ademais de falsa, está totalmente distorsionada por uns intereses particulares sen motivo para esas conclusións", indica esta coordinadora.
Segundo os datos que manexan, anualmente morren máis de 70 arroaces en toda Galicia por causa das actividades pesqueiras. Ademais, os arroaces das nosas costas son os máis contaminados de toda Europa e esta situación afecta á súa saúde.
Os arroaces no verán teñen a súa época de nacementos. Todos os anos son atopados cachorros mortos que non sobreviven as primeiras semanas, estímase que un 20% dos exemplares nacidos no ano non sobreviven, polo que esta situación incide negativamente na poboación.
O Cemma salienta que "os humanos non temos dereito algún diante destas especies protexidas e si deberes, os dereitos os teñen eles, a poder vivir libre e tranquilamente no mar que é o seu medio dende hai millóns de anos, onde os humanos non somos máis ca intrusos".
O réxime de protección dos arroaces, catalógaos como vulnerables de acordo co establecido no Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas e na que se da conta así mesmo das prohibicións expresas reguladas mediante o Real decreto 1727/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen medidas de protección dos cetáceos.
Ambas lexislacións establecen prohibicións expresas no caso de natación, acoso e molestias deliberadas o que está suxeitos a multas.
Para evitar esta problemática no Cemma consideran que o máis importante é a divulgación e a educación ambiental "pois só dende unha posición de respecto pode darse un achegamento ao medio mariño e á convivencia". "Só os casos máis acuciantes deben ser postos en mans das forzas da orde e denunciados, entre eles a persecución, acoso e natación con cetáceos", polo que se recomenda a denuncia no 062 directamente.
Relacionadas:
-
Cemma prepara o rescate de tres arroaces baixo a ponte da Toxa
Por Redacción |
-
Aparece morta na praia de Paxariñas unha cría de cetáceo
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A tartaruga Vilán xa está recuperada e regresa ao mar
Por Almu Dapena |
-
Liberan catro golfiños varados na enseada de Cespón, na Ría de Arousa
Por Redacción |
-
Protección Civil e veciños logran salvar un golfiño varado en Combarro
Por Redacción |