Liberan catro golfiños varados na enseada de Cespón, na Ría de Arousa
Por Redacción
Un amplo operativo coordinado pola Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) permitiu esta semana a liberación de catro exemplares de golfiño común (Delphinus delphis) varados na enseada de Cespón, na Ría de Arousa.
Estes catro exemplares puideron resgardarse neste punto da Ría de Arousa en busca de alimento ou para evitar un ataque por parte de arroaces.
Segundo informou a Xunta de Galicia, tampouco se descarta que a súa entrada da ría estivese motivada pola presenza de candorcas fóra, dados os avistamentos detectados nestes últimos días na zona de Corrubedo.
A situación dos golfiños coñeceuse este xoves tras o aviso ao 112 por parte dun condutor de camión que facía a ruta Padrón-Ribeira. Alertou da presenza de catro golfiños varados ao pé do viaduto de Taragoña da autovía do Barbanza, nun punto de difícil detección e só accesible desde a súa posición.
Neste caso eran catro machos de entre 186 e 204 centímetros de lonxitude, todos sen feridas relevantes, conscientes, activos e ben de saúde e peso, aínda que con síntomas de estrés.
Para a súa liberación, mobilizáronse dúas unidades móbiles, co fin de retiralos da lameira no lado dereito da enseada de Cespón e evacualos por terra. Unha vez que subiu a marea, dous exemplares foron embarcados na lancha da confraría, outro na de Protección Civil e o último na de Gardacostas, que se dirixiron ata a illa da Rúa, onde foron liberados.
O operativo estivo formado por efectivos de Gardacostas de Galicia, Protección Civil e membros da Confraría de Rianxo e do Concello.
Relacionadas:
-
RADIO.- "As candorcas non teñen intención de destruír a pesar de que nalgunha interacción con barcos rompan algo"
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Falamos das noctilucas e o espectáculo natural da ardora
Por Redacción |
-
Denuncian malas prácticas cos cetáceos por parte dalgúns bañistas, navegantes e profesionais do mar
Por Oskar Viéitez |
-
Protección Civil e veciños logran salvar un golfiño varado en Combarro
Por Redacción |
-
Rescatan un golfiño varado en Sanxenxo e devólveno ao mar en Pedras Negras
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Avistada unha manda de candorcas nas Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |