Prevista a implantación de puntos limpos fixo e móbil no novo contrato de xestión de residuos
Por Redacción
Durante o ano 2021, Pontevedra xestionaba un total de 270.380 quilos de residuos voluminosos a pé de rúa ou no punto limpo que a concesionaria Prezedo ten instalado no Polígono Industrial do Campiño.
Raimundo González, concelleiro responsable da xestión de residuos, sinala que esta cifra foi aumentando desde 2010 cando se contabilizaron ao redor de 87.000 quilos destes residuos. Pasada máis dunha década, a cifra multiplicábase por tres. Desde o Concello consideran que estes residuos supoñen un especial problema para os fogares ao tratarse de elementos de notable volume ou que supoñen risco para a saúde ao tratarse de restos de pequenas obras realizadas na vivenda, aceites minerais, residuos de madeira como mobles, táboas ou cristais, metais, colchóns, somieres e outro tipo de residuos que poden resultar perigosos e contaminantes como pinturas ou vernices.
No novo contrato, segundo explica Raimundo González, potenciaranse tanto a recollida dos voluminosos a pé de rúa como a creación de dous puntos limpos no municipio: un será fixo e outro móbil.
Este servizo de punto limpo seguirá sendo gratuíto e nestes dous espazos recolleranse os residuos domésticos e asimilables que non forman parte da recollida de lixo ordinario. Estes puntos permitirán almacenar temporalmente os elementos para ser tratados por xestores autorizados posteriormente.
Con esta medida, o Concello de Pontevedra sinala que se queren previr as consecuencias negativas que xeren estes residuos "perigosos do fogar" e a contaminación secundaria dos seus subprodutos. Ademais, quérese servir á cidadanía como un espazo de achega voluntaria destes produtos para a recollida selectiva de materiais do ámbito domiciliario.
Segundo as bases do contrato, o punto limpo deberá estar aberto e ao dispor do público polo menos cinco días á semana e, como mínimo, un día da fin de semana.
A creación dos dous puntos limpos irá acompañada do servizo de retirada de residuos voluminosos a pé de rúa que xa está en funcionamento na actualidade, pero potenciando a súa prestación. Actualmente, as persoas que precisen de retirada de voluminosos deben chamar ao 986.850.225 para informar sobre o material para a súa recollida. A empresa encárgase de informar sobre a zona onde debe depositar o produto e que día concreto.
Relacionadas:
-
Pontevedra aproba o novo contrato de residuos cun custo total de 233 millóns de euros, o maior da súa historia
Por Oskar Viéitez |
-
Unha media de 70 persoas ao mes achega lixo ao Punto Limpo Móbil
Por Redacción |
-
PreZero intensificará a recollida de biorresiduos á espera do novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
O recibo do lixo de decembro será máis barato en Pontevedra por enviar menos toneladas a Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez sementa dúbidas sobre a viabilidade técnica da planta da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra consolida as cifras de reciclaxe en 2021 á espera da "revolución ambiental" do novo contrato do lixo
Por Redacción |