Cinco establecementos da cidade recibiron achegas de case 30.000 euros do "Bono Enerxía Peme"
Por Redacción
A Consellería de Economía, Empresa e Innovación, vén de convocar as axudas do "Bono Enerxía Peme" para axudar a máis de 350 empresas galegas cos seus gastos e investimentos eléctricos.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova convocatoria de axudas nunha visita ao establecemento Mercaplaza de Pontevedra, beneficiario dunha achega de case 6.000 euros coa orde do pasado ano. Grazas a esta actuación, a empresa Sularre, propietaria deste supermercado, acometeu a renovación do seu sistema de iluminación en base a criterios de eficiencia enerxética para aforrar un consumo estimado de preto de 6.000 kilovatios anuais.
Luis López detallou que cinco establecementos da cidade de Pontevedra recibiron unhas achegas de case 30.000 euros en base á convocatoria de 2021 e convidou a sumarse á reedición desta orde.
O "Bono Enerxía Peme 2022" ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 14 de xullo, aínda que poderá pecharse antes en caso de esgotamento de crédito, e conta cun orzamento global de 2 millóns de euros. As axudas subvencionarán ata o 80% do investimento cun límite máximo de 6.000 euros por solicitude.
Poderán pedir estas achegas da Consellería de Economía, Empresa e Innovación os empresarios e autónomos con actividades nos ámbitos do comercio, a hostalería, os traballos artístico-recreativos e outros servizos.
Entre os investimentos subvencionables figuran a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas térmicas; a renovación de equipos de iluminación interior e exterior, incluídos os rótulos, por outros de tecnoloxía Led; a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións eléctricas; o reemprazo de equipamentos como cafeterías, lavavaixelas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparatos de redución de consumo en sistemas de climatización, ventilación ou auga quente; e a implantación de sistemas domóticos e inmóticos.