O Museo constata a súa volta a normalidade ao rexistrar case 4.500 visitas nesta Semana Santa
Por Redacción
O Museo de Pontevedra vén de constatar a súa recuperación de público e a volta á normalidade tras a pandemia con preto de 4.500 visitas durante a Semana Santa. Novamente marcáronse rexistros de récord como aconteceu no primeiro trimestre, sendo as vacacións de 2022 as segundas de maior concorrencia dende 2017.
O vicepresidente César Mosquera, responsable político da institución, destacou que o crecemento sostido que está a rexistrar o Museo nas últimas datas coincide coa dinámica que se truncara coa covid-19. Destacou que é positivo que o aumento sexa suave e que non haxa subidas extremas co fin de ofrecer unha experiencia de visita positiva atendendo ben a todas as persoas que se acheguen.
As estatísticas analizadas polo departamento de Educación e Públicos da institución revelan a significativa recuperación de visitantes cunha tendencia á volta á normalidade que se consolida: 3.934 persoas en 2017, 3.873 persoas en 2018, 5.227 persoas en 2019, ningunha en 2020 polo peche, e 1.338 en 2021.
O total de visitantes nesta Semana Santa deste 2022 foi de 4.365 persoas, o segundo máis numeroso en seis anos. A nivel dos Edificios do Museo, as Ruínas de San Domingos foron as máis visitadas, con 3.299 persoas, unha cifra moi próxima á máis alta dos últimos seis anos, que foi en 2019 con 3.348 persoas. Entraron nos edificios Sarmiento e Castelao un total de 891 persoas e participaron nalgunha das actividades programadas neles outras 175 persoas.
En canto á procedencia das visitas individuais. o 94 % é de ámbito estatal, chegando ao 74 % as visitas de dentro de Galicia, seguidas de Madrid, Castela e León, Andalucía e Cataluña. O 6 % de persoas estranxeiras chegan principalmente de Portugal, Reino Unido, Alemaña, Italia ou Estados Unidos, entre outras.
Tamén se certifica nestas últimas visitas que a recuperación de público estranxeiro é máis lenta que a de público estatal, algo que coincide cos datos de turismo no resto de España.
Relacionadas:
-
Castelao abre a colección de publicacións 'Esenciais' do Museo de Pontevedra
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
O turismo na provincia bateu o récord esta Semana Santa superando os rexistros do 2019
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra inicia o 2022 batendo o récord de afluencia dos últimos sete anos
Por Redacción |