A Xunta destina os 400.000 euros do canon do encoro do Umia a financiar actividades sociais en Caldas, Cuntis e Moraña
Por Redacción
O Consello da Xunta autorizou este xoves a renovación do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os concellos de Caldas, Cuntis e Moraña polo que Augas de Galicia destinará preto de 400.000 euros do canon de explotación do encoro do Umia ao financiamento de actuacións educativas e sociais nestes tres municipios.
O Executivo autonómico referendou así a sinatura, un ano máis, do convenio no que participa como entidade colaboradora a Deputación de Pontevedra, que asume a tarefa de administrar estes fondos autonómicos entre estes tres concellos e velar pola súa correcta aplicación.
Os tres concellos benefícianse anualmente da achega económica á que está suxeita a empresa titular da explotación hidroeléctrica da presa de Caldas de Reis, en base á concesión da explotación outorgada pola entidade hidráulica da Xunta.
A cantidade achegada por Augas de Galicia é de algo máis de 130.000 euros para cada un destes concellos, que poderán financiar con cargo a eses fondos actividades educativas e sociais que se organicen desde o día 1 de xaneiro de 2022 e ata o 31 de decembro deste mesmo ano.
Desde o ano 2002 ao 2021 a Xunta leva asignados preto de 7 millóns de euros en concepto de canon de explotación do encoro de Caldas de Reis a estes municipios.
Relacionadas:
-
Moraña proxecta a mellora do saneamento e de pavimentación en Laxe
Por Redacción |
-
Os emigrantes retornados a Cuntis recibirán asesoramento fiscal, laboral e burocrático
Por Redacción |
-
O BNG reclama á Xunta un plan de recuperación e rexeneración integral do Umia
Por Redacción |
-
Nova compensación para Caldas, Cuntis e Moraña pola explotación do encoro do Umia
Por Redacción |