Presentada a programación deportiva da Deputación entre xuño e setembro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou en rolda de prensa a programación da área de Deportes entre xuño e setembro para este 2022 que leva o nome de "DepoActívate".
Carmela Silva destacou que na Deputación de Pontevedra "volvemos facer unha aposta moi importante por todo o deporte" destinando máis de 4 millóns e "con sentidiño" dixo a presidenta. "Non recursos para ver se logo, apostando exclusivamente polo fútbol poder dirixir a Federación galega de Fúlbol", apostilou.
Carmela Silva destacou a "eficiencia" na xestión destas liñas de axudas, sinalando que 3,5 millóns xa saíron no primeiro trimestre do ano, dirixidas a clubs de elite, escolas, organización de actividades, axudas para equipos que participen en competicións de ámbito estatal e tamén para as de ámbito inferior, deporte náutico e tamén as axudas para deportistas de alto nivil, as coñecidas como DepoDAN e DepoPromesa.
"A estratexia no deporte esta deseñada para transformar a provincia da man da Axenda 2030 e está estruturada en 5 eixos: Turismo activo, Economía sostible, Grandes eventos, + Deporte + Saúde + Natureza, e Deporte pensado en clave de Igualdade", comentou a presidenta.
Entre xuño e setembro póñense en marcha as Depoandainas, con camiñadas en puntos emblemáticos como Cabo Silleiro (Baiona), río Eifonso (Meis), Roteiro do Mosteiro (Oia) e río San Martiño (Valga).
Tamén se desenvolverá o programa DepoOrienta con programación en Cambados, Cuntis e Tui.
E volven as DepoRutasBTT pola Vía Verde en Vilagarcía, Lamprea do Río Miño en Arbo e a Serra do Candán en Forcarei.
A actividade DepoAuga, con roteiros en pádel surf e kayac recalarán nos municipios das Neves, na illa de Tambo (Poio), nas Salinas do Ulló (Vilaboa) e na Illa de Arousa.
Carmela Silva tamén anunciou 300.000 euros nos patrocinios: da proba de ciclismo O Gran Camiño, na Copa de España Feminina Cofidis de ciclismo, a World Padel Tour, a Pontevedra Trail League, a segunda competición de kayac Gold River Race, os 4 Picos Bike Pontevedra, Epic Race, o Verán Deportivo nas praias da provincia e a proba ciclista Costa Atlántica.
Por último, Carmela Silva insistiu na importancia das políticas de igualdade neste ámbito do deporte: "traballamos cos principios igualitarios en todas as actividades, valoramos o deporte feminino nos criterios das subvencións e fomentamos a formación de mulleres técnicas e adestradoras deportivas", sinalou.
ACCIONA O RURAL
Nesta mesma comparecencia de prensa, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou un novo programa de Igualdade e Cultura chamado "Acciona O Rural", en colaboración co colectivo "Fiore dei Zucca" que deseñou este proxecto.
Esta iniciativa desenvolverase a partir do mes de maio con mulleres do rural de Mondariz, Moraña e Silleda.
O programa consta de 3 fases: A primeira parte consiste nunha serie de talleres de creación artística, con 5 sesións de luns a venres. A continuación organizarase unha mostra aberta ao público o domingo cos resultados dos obradoiros e finalmente, haberá unha película documental que gravará a cineasta Anxos Fazáns (2023)
Carmela Silva anunciou que "o noso obxectivo é que este programa chegue a todos os concellos do rural, porque a nosa provincia está constituída por comarcas eminentemente rurais" e engadiu que "as administracións debemos fomentar accións que permitan ás creadoras quedar aquí".
Relacionadas:
-
A Deputación reparte medio millón entre 51 clubs de deporte náutico da provincia
Por Redacción |
-
A Epic Race de ciclismo BTT presenta a súa sexta edición buscando "máis espectacularidade"
Por Diego Espiño & Diana Eiras |
-
Multitude de propostas para non quedar na casa e recuperar os hábitos saudables
Por Oskar Viéitez |