Poio inicia a tramitación para o nomeamento de Magín Froiz como Fillo Adoptivo
Por Redacción
O Concello de Poio vén de iniciar a tramitación correspondente para impulsar o nomeamento como Fillo Adoptivo de Magín Froiz.
O alcalde, Luciano Sobral, lembra que esta proposta foi respaldada por todos os grupos da Corporación municipal nunha Xunta de Portavoces celebrada poucos días despois do falecemento do empresario e fundador de Supermercados Froiz, cuxo pasamento tivo lugar o 10 de marzo, aos 78 anos de idade.
Sobral Fernández sinala que o nomeamento de Fillo Adoptivo "é a máis alta das distincións que contempla o noso Regulamento Municipal" e entende que "fai xustiza para recoñecer a traxectoria de Magín Froiz tanto a nivel profesional como no eido social e deportivo, nos que sempre se implicou ao cen por cen".
Logo de que se tratase na pasada Comisión Informativa de Facenda, o Pleno deberá aprobar a proposta para a incoación do expediente. Tal e como sinala o alcalde Sobral, o documento será sometido a exposición pública durante un mes. Unha vez expirado ese período, e se non se produce ningunha alegación, o Concello estará en disposición de convocar unha sesión extraordinaria para levar a cabo este nomeamento a título póstumo.
Desta maneira, Magín Froiz sumarase a outros persoeiros que tamén foron declarados Fillos Adoptivos de Poio, que son Gonzalo Fernández de la Mora y Mon (1974), Pío Cabanillas (1997), César Otero (1986), José María Vallejo (1986), Antoine Marc Luc Machourek (1987), Adolfo Pérez Esquivel (1987 e gañador do Premio Nobel da Paz en 1980) e Benito Montero (2011).
Maila nacer en Barbastro (Huesca), Magín Froiz Planes sempre estivo vinculado á provincia de Pontevedra, de onde era seu pai (concretamente, de Lalín). Foi na década dos 70 cando adquiriu un supermercado, onde traballou de carniceiro. Ese foi o primeiro paso dunha ampla traxectoria profesional e empresarial, que o levou a fundar o Grupo Froiz, "unha das empresas alimenticias de referencia do país", lembra Sobral.
Neste sentido, o alcalde salienta "a capacidade de xeración de riqueza e traballo" levada a cabo por Magín Froiz, que en 1990 estableceu a sede da súa firma en Lourido.
"A súa vida sempre estivo intimamente relacionada co noso municipio, onde residiu ata o seu pasamento", apunta o alcalde, que tamén salienta o espírito colaborativo e altruísta do empresario, que o converteu a ser "un colaborador habitual" na organización de eventos ou na realización de doazóns para Servizos Sociais, sen esquecer a súa paixón polo deporte e polo ciclismo, algo que o levou a crear o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, un equipo de referencia en toda España.
Relacionadas:
-
Magín Froiz xa é oficialmente fillo adoptivo de Poio no primeiro aniversario da súa defunción
Por Redacción |
-
Magín Froiz distinguido a título póstumo como fillo adoptivo de Poio
Por Redacción |
-
Froiz, entre as 50 empresas mellor valoradas de España
Por Redacción |
-
O Supermercados Froiz lucirá o logo de Combarro na súa equipación
Por Redacción |
-
O CIM de Poio incrementou o número de consultas nun 30 % no último ano
Por Redacción |
-
O ciclismo galego rende homenaxe a Magín Froiz, "unha persoa irrepetible"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Poio nomeará a Magín Froiz como fillo adoptivo do municipio
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE propón designar co nome de Magín Froiz unha rúa do Polígono de Barro
Por Redacción |
-
Piden en Change.org unha rúa en Pontevedra para Magín Froiz
Por Marisa Ciordia & Anxo Lourido |