Portas conmemora o 234 aniversario do nacemento do xeógrafo e matemático Domingo Fontán
Por Redacción
Portas viviu este domingo unha xornada especial en conmemoración do 234 aniversario do nacemento do insigne xeógrafo e matemático Domingo Fontán. O acto estivo promovido pola Asociación Cultural e Deportiva que leva o seu nome e polo Concello, e contou cunha ofrenda floral introducida pola música da gaiteira galega Susana Seivane.
O inicio do evento correu a cargo do alcalde de Portas, Ricardo Martínez. Ensalzou a figura de Domingo Fontán, "un veciño que desde un modesto municipio soubo poñer o seu coñecemento e a súa intelixencia ao servizo de Galicia e de España".
"Honrados" por recordar o aniversario do nacemento de Domingo Fontán, Martínez destacou o seu legado e de "tantas e tantas persoas que co seu traballo, co seu esforzo e coa súa sabedoría axudaron a que as cousas mudaran, que as cousas melloraran e que avanzara a nosa sociedade. Se hai uns días homenaxeabamos a aqueles músicos pioneiros que impulsaron as distintas bandas de música en Lantaño e no noso municipio, hoxe estamos aquí para honrar a memoria e reivindicar como parte do noso patrimonio a figura e a obra de Domingo Fontán".
A presidenta da Asociación, Concha Méndez, tomou a palabra para salientar a importancia que ten o matemático para Portas e para Galicia "renovando o seu compromiso persoal e da asociación en seguir impulsando actividades que contribúan a descubrir, divulgar e honrar a vida e a obra".
Unha vez rematados os discursos, a gaiteira Susana Seivane interpretou un par de pezas en solitario para seguidamente, acompañada polos músicos do grupo de gaitas 'Domingo Fontán' convidar ao público asistente a cantar e bailar cancións do folclore tradicional galego moi populares.
Antes de proceder a realizar a ofrenda floral, o alcalde agasallou a Susana Seivane e ao grupo de gaitas 'Domingo Fontán' cun exemplar do libro de Juan Fernando Laguarta Badía titulado 'Banda de música de Lantaño', mentres que a presidenta da Asociación fíxolle entrega á gaiteira dun libro sobre a vida de Domingo Fontán. A concelleira Ana Peña agasallou á presidenta Concha Méndez cunha fotografía de gran tamaño que recollía a visita da Asociación ao Parlamento de Galicia.
O acto rematou co depósito dunha coroa de loureiro aos pés do monumento a Domingo Fontán e coa interpretación do himno galego a cargo da agrupación de gaitas que leva o nome do insigne cartógrafo.