Cubela supervisa a colocación dunha bionda na perigosa curva de Loureiro
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro desprazáronse ata a estrada de Loureiro, na parroquia de Figueroa, coa intención de supervisar o resultado da instalación dunha bionda nunha pista de titularidade municipal.
A pista nese tramo conforma unha curva pechada xusto onde hai un desnivel moi pronunciado que supuña unha zona de especial risco para os automobilistas que transitan por ese vial de titularidade municipal.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela, "coa colocación da bionda damos resposta a unha petición veciñal neste sentido e melloramos a seguridade nesta pista municipal que é de especial utilidade para os veciños de Loureiro e, en xeral, para os residentes na parroquia de Figueroa xa que este camiño vertebra a comunicación interior do municipio e dá servizo aos veciños".
Para o executivo municipal, manifestou o alcalde, é fundamental contribuir á mellora da seguridade vial das pistas e camiños de titularidade municipal que, como neste caso, prestan un importante servizo á veciñanza polo que decidimos recoller a petición que nos trasladaron os veciños e facer efectivo ese compromiso do xeito máis rápido posible".