O pleno de Poio aproba por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio
Por Oskar Viéitez
O pleno da corporación aprobou por unanimidade na sesión ordinaria deste martes a actualización da ordenanza fiscal do servizo de cemiterio.
Trátase dun trámite que, tal e como lembra o goberno local, é un paso máis de cara a acometer a ampliación do camposanto de San Xoán.
Esta modificación, que se aplicará de xeito exclusivo aos novos nichos que se construirán no futuro, inclúe novidades importantes, como a eliminación da taxa por transmisión de nichos.
O equipo de goberno apostou pola supresión desta cota, que levaba fixada en algo máis de 12 euros desde a anterior modificación, e que data de principios da década dos 80, como lembrou o alcalde, Luciano Sobral, durante o debate.
Os dirixentes municipais, ademais de incidir no feito de que a nova ordenanza fiscal non afectará aos panteóns xa existentes, recalcan que o que se recada a través desta ordenanza destínase exclusivamente ao mantemento do servizo. Estes custes ascenden a uns 60.000 euros e a través das taxas cúbrese aproximadamente o 14% da contía, mentres que o resto é asumido polo propio Concello.
Unha vez aprobada esta modificación, o goberno municipal segue avanzando na posta en marcha do proceso de ampliación.
O voceiro do PP, Ángel Moldes afirmou que "sentímonos moi satisfeitos de conseguir que o tripartito rectificase e entenda que exista outra forma de facer política xa que nun pleno que pretendía subir una taxa o 100% remata coa eliminación da mesma".
MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE PLUSVALÍAS
Por outra banda, o pleno tamén aprobou, grazas aos votos favorables do grupo de goberno, a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre incremento de valor dos terreos de natureza urbana, coñecida como plusvalía.
O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, lembrou que esta actualización realízase para dar cumprimento a unha sentenza xudicial que invalida a normativa anterior. Agora, os criterios son "máis xustos" á hora de aplicar esta taxa, que contempla, por exemplo, a súa exención en caso de que non exista un incremento do valor dos terreos cando se produce un traspaso.
O goberno local lembra que esta modificación non afecta ás bonificacións existentes en Poio sobre este recibo e critica o "enésimo intento realizado polo Partido Popular á hora de confundir á cidadanía sobre a situación fiscal do municipio".
Por último, o pleno acordou por unanimidade aprobar unha moción para impulsar unha mellora integral da pasarela de madeira de Lourido, en San Salvador.
O Concello comprométese a buscar fórmulas e a falar coas institucións pertinentes para realizar unha "actuación ambiciosa" para renovar este espazo, no que se realizan labores de mantemento de xeito regular, pero que, dada a súa antigüidade, require dunha reforma máis ampla.
Relacionadas:
-
Luz verde á ampliación do cemiterio municipal de Poio
Por Redacción |
-
O Concello pon a cobro o imposto de circulación para os 26.710 vehículos a motor matriculados en Vilagarcía
Por Redacción |
-
A ampliación dotará ao cemiterio de San Xoan de medio millar de nichos máis
Por Redacción |
-
O PP de Poio critica a proposta de suba das tarifas no cemiterio de San Xoán
Por Redacción |
-
O goberno local de Poio sae ao paso "das mentiras do Partido Popular"
Por Oskar Viéitez |