Gondar vai de festa coa recuperada Festa da Xuventude e a celebración de San Tomé
Por Redacción
A décimo terceira edición da Festa da Xuventude e a tradicional celebración de San Tomé devolven o espírito festivo á parroquia de Gondar, Sanxenxo, esta próxima fin de semana.
Tras dous anos de ausencia o venres 29 de abril terá lugar no atrio da capela de Santo Tomé a décimo terceira edición da Festa da Xuventude cun cartel musical que contará a partir das 23.00 horas coas actuacións en directo de Dani Romero, Paco Vulkano, Víctor Rivas, Juanjo García, Dumore e Ench.
Durante a velada sortearanse en redes sociais catro vales para consumir durante a festa e dous tickets aventura no París Dakart de Sanxenxo. Ademais como agasallo curioso ofrecerase un porco.
O recinto da festa contará cunha carpa e a entrada será de balde.
En conto ao sábado 30 de abril, coincidindo coa véspera de Santo Tomé, celebrarase o XI Trofeo Festas Santo Tomé de Gondar que enfrontará a solteiros e solteiras contra casados e casadas no campo do Revel.
Ademais ás 22.30 dará comezo unha verbena a cargo da orquestra Fania Branco Show e o Trío Azar, contando cun sorteo como complemento dunha estancia de 7 días e 6 noites no Gran Hotel Liber & Spa de Noja (Cantabria) para dúas persoas, un cordeiro, e un premio sorpresa.
Por último o domingo 1 de maio a festividade de Santo Tomé dará comezo cunha tirada de bombas e pasarrúas co grupo de gaitas Os Cruceiros de Vilalonga e a Fanfarria de Furruxa. Ás 13 horas, celebrarase a misa cantada polo coro parroquial en honra ao patrón e, a continuación, realizarase a tradicional procesión. Tras a celebración litúrxica, haberá sesión vermú con música e pulpeiro.