A construción do vial perimetral do Gran Montecelo comezará en maio
Por Alejandro Espiño
As obras de construción do novo vial que percorrerá todo o perímetro do Gran Montecelo arrancarán, salvo imprevisto de última hora, o próximo mes de maio.
Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que confía en que a tramitación administrativa previa se complete nun prazo máximo de dez días.
Destes trámites tan só queda pendente asinar a acta de reformulo destes traballos e a aprobación por parte do Concello do plan de seguridade e hixiene que avale o proxecto.
Elsamex será a empresa que executará este novo vial de 830 metros, en cuxa construción se investirán 1.161.479 euros -fronte aos case 1,4 millóns polos que saíu a licitación-, un investimento que asumirá integramente a Deputación de Pontevedra
A estrada, que discorrerá pola parte traseira do actual hospital, partirá das inmediacións de Príncipe Felipe, concretamente enfronte do seu pavillón, e chegará ata a rúa Ángel Limeses, no extremo do actual aparcamento público de Montecelo.
Terá dous carrís, un para cada sentido, catro rotondas -dúas delas no seu punto de inicio e final-, medidas de acougado de tráfico e un sistema de iluminación especial, que se reforzará nos puntos nos que se coloquen os pasos de peóns.
A velocidade en toda esta estrada estará limitada a un máximo de 30 quilómetros por hora.
Fernández Lores destacou que co arranque destas obras o Concello "cumpre os compromisos" asinados coa Xunta, que incluían ademais o pago de 4 millóns para os traballos de urbanización, dos que en breve pagarase un último prazo de 1,5 millóns.
Ademais, en cuestión de "meses", segundo engadiu o alcalde, todo o complexo hospitalario comezará a recibir o abastecemento de auga desde o novo sistema que eliminará o bombeo actual, ao levala directamente desde o depósito de Castrosenín.
Con respecto á ampliación do hospital, Lores defendeu que ata o de agora foron a un "ritmo moi bo", aínda que a actual crise das subministracións provocou "atrasos". A pesar diso, confía en que "siga a esta velocidade" e se cumpran os prazos previstos.
Relacionadas:
-
Afectados polo novo vial de Montecelo: "Están a colocar as lastras para as beirarrúas e só hai rebaixe nos dous accesos ás casas"
Por Diego Espiño |
-
As obras para o novo vial de Montecelo xa están en marcha
Por Alejandro Espiño |
-
Inician a segunda fase de escavacións nas obras do Gran Montecelo
Por Redacción |
-
A Deputación sinala a Vilagarcía como un referente do 'Modelo Ágora'
Por Redacción |
-
A subministración de gas natural do Gran Montecelo xa está en funcionamento
Por Redacción |
-
A oposición reclama aparcamiento gratuíto en Montecelo e o PP defende que sexa "asequible"
Por Oskar Viéitez |
-
A estrutura do bloque cirúrxico e de urxencias do Gran Montecelo quedará rematada este mes
Por Redacción |
-
O Gran Montecelo terá 27 ascensores e 4 escaleiras mecánicas para desprazar 16.000 persoas cada hora
Por Redacción |
-
O Concello urxe á Xunta a posta a disposición dos terreos para acometer as obras da vía perimetral de Montecelo
Por Redacción |