Escolares de Primaria de Caldas achegan 33 novos carballos á recuperación de Segade
Por Redacción
Un grupo de escolares de primeiro de Primaria do CPR La Encarnación plantou este xoves 33 carballos na leira municipal da Fábrica da Luz e da Fervenza de Segade.
A acción inclúese dentro do proxecto 'Platamos a nosa landra' que se iniciou hai un ano na etapa infantil coa recollida de landras na Carballeira de Caldas de Reis e a súa posterior plantación en sementeiros.
Desde aquel momento os pequenos responsabilizáronse do seu coidado ata pechar o círculo coa plantación levada a cabo en Segade.
A xornada comezou cunha ruta a pé ata o lugar, para despois plantar os carballos compactando a terra e regándoa para a súa mellor implantación, nunha iniciativa que pretende mellorar a sensibilización ambiental do alumnado e facer ver a importancia de protexer a natureza plantando especies autóctonas.
A actividade foi posible grazas á colaboración do equipo do Obradoiro Dual de Emprego 'Os Camiños do Camiño', da Brigada Forestal do Distrito 19 da Consellería do Medio Rural da Xunta, e do Servizo de Medio Ambiente do Concello, así como do voluntariado da asociación Asoprovida.