Identifican setenta especies de aves e lepidópteros na carballeira de Caldas
Por Redacción
O Grupo Naturalista Hábitat realizou unha xornada de recoñecemento de aves e lepidópteros na Carballeira de Caldas co obxectivo de coñecer o seu nivel de biodiversidade e o estado ecolóxico nos inicios da primavera.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, presentou este venres o informe preliminar sobre este estudo, no que se sinala a presenza de 28 especies de aves e 42 de lepidópteros, das cales 29 son especies de avelaíñas nocturnas identificadas cunha trampa de luz, e 13 de bolboretas diúrnas, o que é un rexistro "moi destacable para esta época do ano, que probablemente se incrementará no verán", data na que se fará outra xornada que ademais estará aberta ao público.
"Os lepidópteros son bioindicadores da calidade ambiental dunha zona, posto que as eirugas de cada especie dependen dunhas especies concretas de plantas para alimentarse. Así pois, cantas máis variedade de especies vexetais teñamos, atoparemos unha maior diversidade de bolboretas e avelaíñas", subliña o informe de Hábitat.
No caso da Carballeira destacan, ademais da súa variedade, a presenza abundante da bolboreta Euphydrhyas beckeri, unha especie con diferentes tonalidades de laranxa que está presente na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial e no Convenio de Berna relativo á Conservación do Medio Natural en Europa.
Esta bolboreta precisa do mantemento dun sotobosque xa que unha das súas plantas nutricias é a madreselva (Lonicera peryclymenum). Tamén se detectaron, nas zonas con ortigas, adultos e larvas de Vanessa atalanta, unha especie de bolboreta migradora que viaxa cara ao norte en primavera e cara ao sur en outono en diferentes xeracións.
Para aumentar a diversidade biolóxica na carballeira propoñen o mantemento das plantas con flores, polo que é necesario deixar franxas alternativas con vexetación máis alta, e tamén nas lindes e ao redor das árbores. Por exemplo, para manter as abellas e polinizadores é preciso respectar a especie Lingua de boi (Pentaglottis sempervirens), abundante na carballeira, e que coas súas flores azuis atrae ás abellas.
Apuntan desde Hábitat que "non debemos converter estes xardíns urbanos en desertos verdes, e hai que evitar segas agresivas e indiscriminadas, e deixar as flores para os polinizadores, o que lle da saúde e máis valor a estes espazos".
Pola súa banda, Manuel González subliñou que "o Concello xa conta co proxecto de restauración integral do xardín botánico e da carballeira, e segue desenvolvendo este tipo de estudos especializados para adecuar os protocolos de xestión e conservación ás necesidades ecolóxicas de todo o conxunto, declarado Ben de Interese Cultural e incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.