Sae a licitación a mellora do acceso ao paseo do Río Gallo en Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis sacou a licitación a obra de mellora do acceso ao paseo Río Gallo.
Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 21.446,84 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación e que pretende liquidar as actuais deficiencias dun paso estreito utilizado por un elevado número de cidadáns.
A actuación céntrase no acceso ao paseo do río desde a Rúa do Convento, un tramo de 370 metros de lonxitude no que se contempla a demolición da actual beirarrúa para habilitar unha nova con mellores condicións de accesibilidade. Posteriormente dotarase á rúa de pavimentación, pintado e mellora da sinalización.
Para poder acometer a reforma o Concello contratou a redacción de Control Arqueolóxico esixido por Patrimonio.
Para o alcalde, Manuel Campos, trátase dunha obra necesaria ao ser "un punto estreito en bastante mal estado que vai quedar completamente renovado e en consonancia co resto de actuacións que se están levando a cabo no centro urbano de Cuntis".