Núñez Feijóo, na súa despedida: "Galicia foi a miña mestra e dela aprendín que gobernar consiste en dialogar"
Por Alejandro Espiño
Tras trece anos e 4.759 días á fronte da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo presentou este venres a súa dimisión como presidente do goberno galego. Visiblemente emocionado, asegurou que pecha esta etapa "triste pero satisfeito".
"Son e seguirei sendo sempre un discípulo de Galicia. Foi a miña mestra e dela aprendín que gobernar consiste en dialogar", afirmou Núñez Feijóo no seu discurso de despedida, no que estivo acompañado de todos os membros do seu executivo.
Na súa declaración, o xa presidente galego -que a partir de mañá estará en funcións ata que tome posesión o seu sucesor, o pontevedrés Alfonso Rueda- recoñeceu que nunca pensou en "pronunciar estas palabras de renuncia".
Engadiu, iso si, que "tampouco cheguei a imaxinar que a política en España, o servizo público, o interese xeral, ía ser refén durante tanto tempo da frivolidade, da popularización e do populismo que se instalou".
Núñez Feijóo defendeu que deixa Galicia "física pero non animicamente", unha comunidade "cordial" que, segundo subliñou, é un exemplo de "moderación e unidade" afastado de "nacionalismos intransixentes e centralismos doutros tempos".
É unha Galicia "sen trincheiras", apuntou o dirixente popular, que afirmou que "teño fe" en que o conxunto de España "tamén volva selo".
"Non quero nin podo compartir a premisa de que no conxunto de España é imposible o que si foi posible en Galicia", subliñou Feijóo na súa despedida.
Nun discurso sen preguntas, o presidente da Xunta fixo balance da súa xestión durante estes trece anos nos que, destacou, que tivo que facer fronte ao "reto maiúsculo" dunha "virulenta" crise económica e da pandemia da covid-19.
A pesar diso, defendeu Alberto Núñez Feijóo, a "estabilidade" que achegou o seu goberno "fixo que o avance de Galicia non se detivese nunca", apontoando, dixo, a prosperidade e o benestar dos galegos.
"Deixamos un balance do que, humildemente, podémonos sentir orgullosos", sinalou, destacando especialmente o liderado de Galicia en produción de vehículos e no sector téxtil ou a súa consolidación como potencia pesqueira, láctea e forestal.
A iso sumou unha rede de hospitais "renovada", as universidades "máis accesibles" de toda España, a gratuidade das escolas infantís, a construción de estacións intermodais nas cidades ou unha menor carga fiscal "para todos".
Tras agradecer o traballo de todo o seu goberno, Núñez Feijóo tamén fixo extensible este recordo a todo o tecido social, político e económico de Galicia, así como aos seus familiares e achegados "por apoiarme en todo momento".
Para o final deixou unha mensaxe para todos os galegos, afirmando que Galicia "seguirá sendo parte fundamental do meu camiño" e reiterando que " foi un orgullo, é un orgullo e seguirá sendo un orgullo seguir servíndoa desde alí onde estea".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda, o 'herdeiro' do legado que deixou Núñez Feijóo en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda promete "aprender leccións" de todos os seus antecesores para "mellorar o legado destes anos de goberno"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda cre que Calvo e Conde estarán no seu Goberno e insiste en contar "cos mellores"
Por Oskar Viéitez |
-
Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio
Por Redacción |
-
Galicia "ten ganas de cambio", di a oposición tras a renuncia de Núñez Feijóo e ante un goberno "esgotado e falto de ideas"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda avanza unha "nova etapa" en Galicia na que aplicará "o meu propio estilo"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda presidirá a Xunta e o PPdeG tras pechar Feijóo a súa sucesión
Por Oskar Viéitez |