Os propietarios autorizan ao Concello habilitar un aparcadoiro nunha parcela en Valiña
Por Redacción
O Concello de Poio xa está en disposición de facer uso dunha parcela situada en Valiña, na parroquia de San Salvador, que se habilitará proximamente como aparcadoiro disuasorio.
Trátase dun espazo que se atopa dentro do polígono 17, que figura definida como solo urbano non consolidable no PXOM.
O concelleiro responsable da área de Urbanismo, Gregorio Agís, explica que nesta zona contémplase un desenvolvemento que servirá para dotar á área de novas zonas verdes e viais. Sen embargo, mentres o promotor non desenvolva esta actuación, a parcela poderá ser utilizada pola administración local para habilitar prazas de estacionamento.
Agís mantivo unha reunión cos propietarios do terreo esta mesma semana e confirmou que "xa contamos cos permisos necesarios para facer uso da parcela mentres non se urbanice". Ademais, o concelleiro do PSdeG-PSOE aclara que, unha vez se leve a cabo o proceso de urbanización, a zona de Valiña contará con "prazas definitivas" para estacionar, toda vez que tamén veñen contempladas no proxecto, ao igual que as zonas verdes e as futuras rúas.
O edil de Urbanismo e Promoción Económica destaca a importancia destas xestións, que permitirán ofrecer a un dos principais núcleos da parroquia de San Salvador algo máis de 150 espazos para estacionar.
A área que acollerá a urbanización conta cunha extensión aproximada de 6.000 metros cadrados, segundo consta no proxecto. Utilizarase un terzo (2.000 metros) para acoller o aparcadoiro disuasorio.
Con esta xestión, a parroquia de San Salvador pasará a contar no seu núcleo con preto de 400 prazas de estacionamento, reunidas, ademais de neste espazo en Valiña, nas inmediacións do Camiño das Bocas e da Rúa Palestina, onde o Concello xestionou tamén hai uns meses a cesión doutra parcela, que xa ven sendo utilizada de xeito habitual pola veciñanza e que ten capacidade para acoller a máis de 200 automóbiles.
Relacionadas:
-
O PP advirte que un dos aparcamentos disuasorios do Concello de Poio está pechado con carteis de "propiedade privada"
Por Oskar Viéitez |
-
Primeiros pasos para crear 80 aparcamentos para residentes en Combarro
Por Redacción |
-
Habilitarán un aparcamento disuasorio en Valiña, no núcleo de San Salvador
Por Redacción |
-
Campelo xa ten aparcamentos disuasorios
Por Redacción |