Vinte e sete mil persoas visitaron en 2021 os parques forestais de A Fracha e A Tomba
Por Alejandro Espiño
A asistencia aos dous parques forestais que o Concello, en colaboración coas comunidades de montes, habilitou en A Fracha (Marcón) e A Tomba (Campañó), superou todas as súas expectativas en 2021, o ano da súa apertura ao público.
Case 27.000 personas, en concreto 26.811, pasaron por estes parques, segundo rexistraron os dispositivos que se instalaron para contar os visitantes que se achegan a ambas áreas.
A asistencia foi de 19.020 persoas en A Fracha e 7.791 en A Tomba, datos que referendan o interese dos pontevedreses por coñecer os montes nos que se atopan os parques forestais,
Como dato curioso, o día que máis visitantes tivo A Fracha foi o Día das Letras Galegas, o 17 de maio, con 455 persoas; e o domingo 21 de marzo, no caso da Tomba, con 262 persoas.
O estudo permite coñecer tamén a segmentación de visitantes que van a pé ou en bici. Ata a Fracha chegaron 692 ciclistas durante o ano 2021, mentres que A Tomba recibiu 138.
Os meses de xullo, agosto, setembro e outubro, con máis de 2.000 visitas mensuais, foi a época de maior actividade no parque de A Fracha, mentres que en A Tomba foi na primavera, en marzo e abril, con más de 1.200 visitantes cada mes.
"Só podemos facer unha valoración moi boa, superando as expectativas que nos marcamos por moito", destacou o edil responsable de Montes, Alberto Oubiña.
Adianta que a xestión destes parques "é un traballo que non cesa" e, tras realizar unha serie de labores de mantemento, que se estenderon tamén ao parque do Pontillón, abordaranse agora novas melloras e investimentos "para facer máis atractivos estes lugares".
Ademais, no mes de maio será presentado un novo programa de actividades baixo a bandeira de Espírito Montuno para que a xente "poida achegarse ao monte, ben a coñecelo ben a gozar del de novo", subliñou Oubiña, que destacou que cada parque ten un "carácter distintivo".
Así, A Fracha céntrase no lecer e nas actividades ao aire libre, A Tomba é un espazo máis natural eon plantacións moi específicas para demostrar o produtivo que pode chegar a ser o monte e, por último, o Pontillón do Castro está máis enfocado cara o deporte.
Relacionadas:
-
Eliminación de especies invasoras, rozas e podas para manter en bo estado os parques da Fracha e A Tomba
Por Redacción |
-
Haberá tres persoas "permanentemente no monte" para manter os parques forestais
Por Alejandro Espiño |
-
Reparan todo o mobiliario urbano e os camiños do ámbito do parque do Pontillón
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra senta as bases para dar un "aire novo" ao mantemento de zonas verdes
Por Alejandro Espiño |