José Miñones insta á Xunta a "que convoque xa" as axudas do Bono de Alquiler Joven
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, instou á Xunta a "que convoque xa" as axudas do Bono de Alquiler Joven, para as que o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana transfírelle 23 millóns de euros.
Este bono, segundo informou, permitirá a 3.800 mozos galegos acceder a unha axuda de 3.000 euros este ano e outros tantos en 2023.
O delegado lembrou que o ministerio notificou esta transferencia a Galicia, polo que reclamou á Xunta "que convoque xa estas axudas para facilitar o acceso da mocidade galega a unha vivenda digna".
Miñones fixo estas declaracións en Pontevedra antes de reunirse coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e con alcaldes da provincia para dar a coñecer os programas de vivenda do Goberno.
O delegado do Goberno destacou o "investimento histórico" do executivo que preside Pedro Sánchez en Galicia con 425 millóns para rehabilitar 25.000 domicilios e para lograr "que a vivenda sexa un dereito para os galegos, como recolle a Constitución".
"Este Goberno traballa para que a vivenda sexa un verdadeiro dereito, máis aínda para os mozos e tamén nos municipios do rural", declarou Miñones.
O representante gobernamental tamén incidiu en que os alcaldes e alcaldesas "son esenciais para que o plan de recuperación chegue á cidadanía e se execute ata o último euro".
Na reunión, José Miñones fixo balance da execución do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, cuxas últimas axudas están a ser convocadas nos primeiros meses deste ano polos concellos galegos.
Ademais, o delegado avanzou que, grazas ao novo Plan de Vivenda 2022-2025, dotado con outros 82,2 millóns, xunto cos fondos extraordinarios do Plan de Recuperación, 230 millóns, o Goberno fará posible a rehabilitación de 20.000 vivendas máis en Galicia e a construción de 1.200 vivendas de alugueiro social.
A isto sumou os 31 millóns dos programas estatais vivenda social, como o Bono de Alquiler Joven e o Plan Estatal de Acceso a Vivenda para este ano e o próximo, concluyendo que estamos ante un "investimento histórico de máis de 400 millóns en vivenda".
Miñones tamén animou aos concellos a beneficiarse do Programa de Impulso á rehabilitación de edificios públicos (PIREP) do Plan de Recuperación do Goberno, que está dotado cun orzamento total de 1.080 millóns de euros dos cales 600 millóns son para entidades locais de todo o país. Os concellos poden optar ata o mes de xuño a fondos deste plan para mellorar os seus centros sanitarios, colexios, museos, edificios administrativos e inmobles públicos de todo tipo.
Na reunión, que tivo lugar no Pazo Provincial, Carmela Silva lembrou que a Deputación foi pioneira ao aprobar, en xaneiro de 2001, un Plan Estratéxico Provincial de Fondos Europeos que inclúe 10 programas con 54 accións pensadas no horizonte 2021-2026.
Tamén puxo en marcha unha Oficina de Proxectos Europeos que coordina os traballos de captación de fondos europeos de interese para as entidades locais e que, entre outras iniciativas, lanza un sistema de alertas e un boletín informativo mensual destinado aos gobernos locais para dar a coñecer as oportunidades de financiamento en marcha e das convocatorias que vaian xurdindo no marco continental.
Ademais, a Deputación tamén lanzou unha liña extraordinaria de subvencións, dotada con 201.000 euros, para facilitar aos concellos de menos de 50.000 habitantes a súa participación na convocatoria do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP local), lanzada hai uns días polo Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.