Última proba para sacar o carné de "bo pontevedrés"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde, saudaron este martes aos nenos do colexio de Barcelos que fan as prácticas do curso de formación de educación viaria da Policía Local que percorreron a cidade en bicicleta.
O obxectivo desta campaña, que coordina a Policía Local, foi explicar nas aulas o modelo de mobilidade amable da Boa Vila, así como de informar sobre a ordenanza de mobilidade e todas as normas de circulación e convivencia que poden afectar os menores de idade para que entendan o funcionamento das rúas de Pontevedra e dos seus espazos públicos, identificando aquelas cousas que non se puden facer.
A primeira fase centrouse no alumnado de sexto de Primaria con charlas teóricas por parte dun dos axentes municipais para, a continuación, saír á rúa e recibir información práctica sobre as infraccións que se cometen e os perigos de incumprir as normas de circulación.
Son normas básicas para os usuarios de bicicleta e patíns como que o casco é obrigatorio ata os 16 anos, que as bicicletas deben circular pola calzada e non pola beirarrúa a partir dos 12 anos, que os ciclistas non poden cruzar montados na bici polos pasos de peóns, ou que os peóns ten sempre prioridade nas zonas peonís, entre outras.
Pero o máis interesante tivo lugar este martes cando os propios estudantes montaron nas súas bicicletas para coñecer de primeira man as normas que regulan o uso destes vehículos e os perigos que entrañan o seu incumprimento.
"Trátase de levar a aula á rúa. Que a rúa sexa a aula", explica o axente ao cargo desta actividade que valora como "moi satisfactoria" e da que espera "que nos evite moitos problemas de cara ao futuro" explica o responsable deste proxecto, o oficial da Policía Local, José Luis Domínguez Maya.
O que máis lles custa aos rapaces é baixar coas súas bicis á calzada que seguen identificando como un lugar hostil, pero os mozos quedan gratamente sorprendidos despois de comprobar coa práctica que se pode circular de maneira segura pola configuración das rúas.
Ao terminar a sesión recibiron un diploma e un carné de "bo pontevedrés".
O alcalde agradeceu á Policía Local a súa implicación para levar adiante esta actividade que hoxe protagonizaba o alumnado do colexio de Barcelos pero que xa completaron os do San José e Monte Porreiro. Lores destacou a importancia de que os escolares aprendan as normas de educación viaria para que poidan utilizar con seguridade a bicicleta cando vaian ao instituto para partir do próximo curso.