Apoio maioritario do campus de Pontevedra a Manuel Reigosa, que seguirá como reitor
Por Redacción
Manuel Reigosa seguirá á fronte da Universidade de Vigo durante os próximos catro anos. O 72% dos votos ponderados que se emitiron nas eleccións celebradas este mércores déronlle o seu respaldo para revalidar o su cargo como reitor.
Como era o único candidato, só era posible votar a favor ou en contra da súa reelección. Emitíronse un total de 2.234 votos válidos, dos cales 1607 foron a favor e 627 en contra da candidatura de Reigosa, que obtivo o apoio maioritario nos tres campus e en todos os sectores.
Con 518 votos válidos emitidos, o reitor acadou un apoio maioritario en todas as facultades e escolas do campus de Pontevedra, sumando no seu conxunto 415 votos a favor, 78 en contra e 25 en branco.
Por sectores, acadou o respaldo tanto do PDI-A, con 51 votos a favor por 16 en contra, como do PDI-B (70-7). Así mesmo, a súa candidatura obtivo tamén en Pontevedra o apoio maioritario do alumnado (272-25), mais non o do PAS, onde logrou 22 votos favorables por 30 en contra.
Logrou así mesmo o respaldo de todos os sectores nas cinco mesas electorais, coa excepción das dúas nas que votou o PAS e no caso do PDI-A da Facultade de Belas Artes, onde sumou tres votos favorables e seis en contra.
A Facultade de Fisioterapia foi o centro do campus no que se rexistrou un maior número total de votos, 157 válidos, grazas á participación nas eleccións de máis do 50% do seu alumnado, a máis elevada no conxunto da universidade.
Os integrantes da candidatura declinaron valorar os resultados obtidos e no seu lugar, deron lectura a un comunicado no que expresaron o seu pesar pola perda do vicerreitor Manuel Ramos, "un amigo entrañable, un camarada" e comprometéronse a continuar traballando, "inspirados pola figura dun loitador, un gran home, un enorme compañeiro".
Relacionadas:
-
Fronte común entre a Deputación e a Universidade de Vigo para captar fondos europeos
Por Redacción |
-
A iniciativa "Future Stories" impulsará a carreira profesional dos novos titulados en Belas Artes
Por Redacción |
-
A Casa das Campás centra os actos da Universidade de Vigo polas Letras Galegas
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
O novo edificio universitario será unha "construción modular" que se poderá ampliar se chegan máis titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
O novo edificio para Deseño e Xestión Pública, unha "prioridade" para Manuel Reigosa
Por Redacción |
-
Eva Lantarón, decana de Fisioterapia, proposta como nova vicerreitora en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |