O Concello de Poio e a Xunta apostan pola promoción do galego coas actividades deste ano
Por Redacción
A concelleira de Dinamización Lingüística, Marga Caldas, e a responsable de Cultura e Educación, Raquel Rodríguez, reuníronse esta semana co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, para traballar, de xeito conxunto coa Xunta de Galicia, no impulso de iniciativas para vincular a promoción e o uso da lingua galega con eventos deste 2022.
De feito, este ano adquiren un protagonismo especial, porque se cumplen 50 anos da declaración de Conxunto Histórico do núcleo de Combarro ou a XXX edición do Certame Literario Xaime Illa Couto.
Durante a reunión, Caldas confirmou que o Concello de Poio ten previsto adherirse á Rede de Normalización Lingüística promovida pola Administración autonómica co fin de desenvolver liñas de actuación encamiñadas a coordinar e aumentar as actividades dirixidas ao fomento da utilización da lingua galega tanto nas propias institucións e administracións como na súa relación coa cidadanía.
Sinalou, ademais, que teñen previsto que este tema sexa levado ao vindeiro Pleno ordinario, que terá lugar o día 31 de maio, para a súa aprobación. Unha vez resolto o trámite, iniciarase o proceso para completar a adhesión, que permitiría ao Concello a opción de acceder ao desenvolvemento de diferentes actividades neste eido.
A concelleira do BNG recordou, finalmente, as iniciativas que xa se están a impulsar en Poio para acadar estes obxectivos, como é a celebración do Certame Literario Xaime Illa Couto que, precisamente, este ano vén de acadar unha gran participación con máis de 170 obras presentadas, un ano que "tamén é especial porque se cumpre o décimo aniversario do falecemento de Xaime Illa, cuxa figura é un referente no eido cultural para Poio".
Relacionadas:
-
'Mar de sons' e 'FalaRedes' serán os grandes protagonistas este xullo en Combarro
Por Redacción |
-
O alumnado de Poio implícase na campaña "O que se dá non se quita" polo galego
Por Redacción |
-
Mes de maio adicado en Sanxenxo á cultura galega con teatro, música, baile e poesía
Por Redacción |
-
Correlingua volve en versión "híbrida" cun acto na Alameda coa consigna "Fálame"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Agallasos para bebés coa finalidade de fomentar a educación en galego en Cuntis
Por Redacción |