'Mar de sons' e 'FalaRedes' serán os grandes protagonistas este xullo en Combarro
Por Redacción
Para conmemorar o medio século do nomeamento de Combarro como conxunto histórico, o Concello de Poio impulsa diferentes actividades lúdicas, pensadas para xente de todas as idades, que axuden a poñer en valor a tradición e a historia da localidade.
As áreas de Cultura, Deportes e Normalización Lingüística xa teñen perfiladas varias destas iniciativas, que comezan neste mes de xullo e se prolongarán ata novembro.
As concelleiras responsables destes departamentos, as nacionalistas Raquel Rodríguez e Marga Caldas, adiantaron xa varias das citas que terán lugar ao longo dos vindeiros cinco meses como 'Mar de sons'.
Esta é unha ruada musical, na que "terán protagonismo agrupacións musicais de Poio e que se celebrará de xeito periódico ao longo de todo o verán, con percorridos polo casco histórico", tal e como explicou a titular de Cultura.
Ademais, o vindeiro día 14 tamén terá lugar a primeira sesión de 'FalaRedes', unha actividade de animación para o público familiar, que chega a través da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, co espectáculo 'O Tranvía Leonardo' que se completará o día 21 con 'Picadiscos Marifaltri' ambos na Praza da Chousa.
Xa en agosto, o sábado día 6 chegará, no espazo natural colindante coa Ermida da Renda, o espectáculo de danza 'Bailando a Terra', coa compañía Galicia en Danza de Baiona e en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Neste mes tamén cobrará un especial protagonismo o deporte, con dúas grandes probas como son o Campionato do Mundo de Vela da clase Vaurien Worlds 2022, que chegará a Combarro o xoves 11 de agosto, coa participación de preto de 200 regateiros de diferentes países.
O domingo 21, pola súa banda, estréase a I Volta a Nado Illa de Tambo, que "nace co obxectivo de consolidarse como unha das citas de natación máis importantes de Galicia", apunta Marga Caldas. O prazo de inscrición abrirase nos vindeiros días.
Ese mesmo día, a Praza da Chousa será escenario do espectáculo de maxia Galicia Ilusiona, que traerá a Poio ao Mago Paco, e que se inclúe dentro da programación do Xacobeo 2021-2022.
Previamente, o domingo 14 de agosto, a Praza da Rualeira acollerá o concerto da Ukestra do Medio, ás 21.30, unha actividade que tamén chega a través do 'FalaRedes'.
Asemade, en agosto tamén permanecerá aberta na Oficina de Turismo de Combarro, na Escola do Campo, a exposición Matriarcas, a través da cal "réndese homenaxe ás nosas antecesoras e ás mulleres que adicaron boa parte da súa vida a traballos relacionadas co mar". A mostra abrirase do 1 ao 31.
Raquel Rodríguez e Marga Caldas confirman que a programación continuará unha vez finalizado o verán. Así, o 22 de setembro a sede da comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro acollerá a presentación do libro 'Tambo. La isla en el tiempo', de José Manuel Pidre Novás, no que se aborda a historia e evolución desta emblemática paraxe.
Unha vez comezado o curso escolar, tamén se contemplan actividades para levar a cabo co alumnado dos centros educativos do municipio. Esta programación vivirá un gran peche a fin de semana do 18 e 19 de novembro, cando se cumprirán 50 anos do nomeamento de Combarro como conxunto histórico.
As concelleiras de Cultura e Normalización Lingüística e Deportes fan un chamamento á veciñanza para "gozar destas actividades, coas que queremos poñer en valor un feito histórico e unha localidade que non só é un referente turístico, senón tamén patrimonial, cultural e da tradición do país".
Relacionadas:
-
O grupo de clarinetes do conservatorio de Vilagarcía actúa este domingo na Praza da Chousa
Por Redacción |
-
O Concello de Poio e a Xunta apostan pola promoción do galego coas actividades deste ano
Por Redacción |
-
Combarro edita unha guía polos 50 anos da declaración como conxunto histórico
Por Redacción |