Deteñen un home de 49 anos por un presunto delito de violencia de xénero
Por Diego Espiño
A Policía Local de Pontevedra detivo o pasado xoves 5 de maio un home de 49 anos acusado dun presunto delito de violencia de xénero.
Segundo informa o corpo de seguridade municipal, procederon á detención da persoa despois de recibir unha chamada dos veciños dun edificio situado nunha céntrica rúa da cidade, que escoitaran unha forte discusión, golpes e berros nunha das vivendas.
O episodio violento tivo lugar ao redor das 15.00 horas da tarde, explicando os axentes que tras dar coa vivenda e entrevistarse coa parella comprobaron como a muller, de 34 anos, atopábase nun estado moi nervioso e con síntomas de chorar.
Explica a Policía que segundo o testemuño da muller a discusión produciuse por ser a súa parella unha persoa moi celosa, e que lle esixía o móbil co fin de controlar as súas comunicacións. De feito tras negarse nun principio acabou por cederllo e cando o reclamou de volta foi cando se tería producido un forcexo entre ambos os dous, relatando a muller que o detido agarrouna polo pescozo e a tería lanzado contra o chan.
A pesar diso a muller manifestou que fora unha discusión, polo que non quería presentar denuncia algunha.
Os axentes observaron como a muller tiña no pescozo unha marca que se correspondía cun rabuñado, ademais de cardeais noutras partes do corpo, polo que solicitaron asistencia sanitaria, que ao principio rexeitaba, aínda que acabou sendo trasladada ao Hospital de Montecelo.
Ante os indicios dun presunto delito de malos tratos por violencia de xénero, a Policía Local de Pontevedra procedeu á detención do home e a súa posterior posta a disposición xudicial.
Trátase do segundo caso no que interveu a Policía Local esta semana na cidade, tras a detención na contorna da Estación dun home de 37 anos que foi sorprendido por un axente fose de servizo cando agredía á súa parella.