A crise do ladrillo forza a Sanxenxo a eliminar a Xerencia municipal de Urbanismo
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo propoñerá ao Pleno da Corporación, durante a sesión ordinaria que se celebrará o luns, acordar a disolución da Xerencia Municipal de Urbanismo e que sexa o Concello de Sanxenxo a entidade que asuma directamente a prestación dos servizos que viña ofrecendo o organismo autónomo.
Unha vez se dea o visto e prace a esta proposta, que inclúe a derrogación dos estatutos, abrirase un período de trinta días de información pública a partir da publicación do edicto no Boletín Oficial da Provincia, durante o que os interesados poderán presentar cantas reclamacións e suxestións consideren oportunas. Transcorrido o prazo e en caso de non recibir alegación ningunha, entrará en vigor esta disolución.
"Na época actual é evidente a importante deceleración da actividade de desenvolvemento do PXOM, como consecuencia do decaemento da iniciativa privada derivada da situación de crise económica, o que provoca que desapareza un motivo fundamental para a existencia da Xerencia de Urbanismo e que aconsella a apertura dunha nova etapa", comentaron dende o Executivo sanxenxino.
Iso si, o goberno local incidiu en que no momento da súa constitución, que recibiu o respaldo do Pleno da Corporación o 27 de xaneiro de 2004 só uns meses despois da aprobación do PXOM, o organismo se configuraba como a fórmula máis adecuada para xestionar o desenvolvemento do plan urbanístico.
Os representantes municipais quixeron, pois, recoñecer a importante función cumprida durante os case dez anos transcorridos dende a súa constitución, "como demostra a existencia de 28 desenvolvementos urbanísticos de iniciativa privada, con instrumento de planeamento; de 3 plans especiais referidos a sistemas xerais de equipamentos e espazos libres de uso e dominio público e de 17 estudios detalle sen contar os de certos PEI-; todos eles aprobados definitivamente".
O equipo de goberno incidiu tamén en que ademais do traballo realizado no día a día no ámbito de concesión de licenzas e de disciplina urbanística, dende o organismo autónomo se promoveron tres modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Municipal e outras tantas ordenanzas relativas a esta área, como a recentemente tramitada sobre licenzas urbanísticas e de intervención administrativa no exercicio de actividades.
Relacionadas:
-
Urbanismo de Sanxenxo estará operativo a partires do mércores 9 no terceiro andar do Concello
Por Redacción |
-
O Xulgado cita a declarar a técnicos e políticos relacionados coa xestión urbanística de Sanxenxo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os socialistas de Sanxenxo solicitarán a supresión da xerencia de urbanismo
Por Oskar Viéitez |