Adxudican a Covsa o proxecto de reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González, en Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis ven de formalizar a adxudicación definitiva do proxecto de reurbanización das rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González á empresa Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA) por un importe de 578.418 euros, que se executará seguindo as liñas dos principios establecidos pola Deputación de Pontevedra na rede de Concellos Ágora polo espazo público.
O proxecto, financiado con cargo ao programa ReacPon da Deputación de Pontevedra, busca a mellora integral dun dos barrios que máis actividade ten do concello, dado que nel se encontra situado o Centro de Saúde e o Auditorio municipal.
A actuación contempla a renovación integral de todos os servizos desas rúas e a transformación das mesmas en plataforma única, implementación de elementos de sinalización e a renovación do parque infantil e ampliando as zonas de desfrute social dos veciños nestas rúas, polo tanto un antes e un despois para cumprir cos obxectivos da axenda 2030.
Para Manuel Campos, alcalde de Cuntis, "este proxecto evidencia o obxectivo do goberno local de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas dándolle aos espazos públicos un uso plural e amable, fomentando a estancia e as mobilidades alternativas".
"É un espazo moi frecuentado por persoas de todas as franxas de idade polo tanto imos crear un nova zona de convivencia, de encontro entre a cidadanía, accesible e cómoda. Este proxecto é un paso adiante no modelo de concellos que queremos", apunta o rexedor cuntiense.
Relacionadas:
-
O Concello de Cuntis reacondicionará o parque infantil da Praza da Constitución
Por Redacción |
-
Medio millón de euros, investimento para cambiar as rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González de Cuntis
Por Redacción |
-
Sae a licitación o proxecto para converter varias rúas de Cuntis en 'espazos amigables'
Por Redacción |
-
Aposta pola "mobilidade amable" para as rúas Olimpio Arca e Xoán Xesús González de Cuntis
Por Redacción & Mónica Patxot |