O vello circuíto BMX de Vilagarcía converterase nunha área pump track
Por Redacción
Vilagarcía dá un impulso definitivo ao proxecto para dotar á vila dun circuíto pump truck. Será unha área deportiva que estará situada na Florida, substituíndo á vella e deteriorada pista de BMX, segundo confirmou o goberno municipal.
Unha empresa de Arteixo, Move Servicios de Ocio e Deporte, será a encargada de deseñar as instalacións, que estarán nas inmediacións do Parque da Coca.
Un pump track é un circuíto pechado de asfalto, terra ou madeira con curvas peraltadas, montículos ou badéns nos que os usuarios deben "bombear" os seus vehículos para aproveitar o impulso e as inercias que se xeran coas pendentes para facer diferentes saltos e acrobacias.
O Concello decidiu aproveitar esta iniciativa para renovar o obsoleto circuíto BMX, como así o solicitaban os propios veciños da zona e os afeccionados a este tipo de deportes.
A súa renovación permitirá ampliar o seu uso, inicialmente para bicicletas, a outros vehículos de rodas non motorizados, como patíns, patinetes, monopatíns ou skates.
Unha vez que estea elaborado o proxecto, coñecerase o importe da obra a realizar e buscaranse os fondos necesarios para acometer a actuación.