Trasladado en helicóptero un operario que recibiu un forte golpe na cabeza cun guindastre
Por Redacción
A Axencia Galega de Emergencias 112 informou dun accidente laboral ocorrido este mércores en Marín. Un operario, un home de 57 anos, recibiu un forte golpe na cabeza cun guindastre
Segundo a información recollida no 112 Galicia, o accidente produciuse ás 10:30 horas na Rúa Vista Alegre nas obras de reforma dunha vivenda.
Para a atención do ferido, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviaron á zona un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Así, tras recibir os primeiros coidados, o afectado foi evacuado na aeronave ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña debido á consideración das lesións provocadas polo impacto.
Os voluntarios de Protección Civil da localidade serviron de apoio ao equipo sanitario nos labores de aterraxe do helicóptero. Tamén, o persoal do 112 Galicia avisou aos axentes da Policía Local e Nacional.