Un accidente entre tres coches provoca longas retencións na PO-308
Por Redacción
O choque por alcance no que se viron involucrados tres vehículos provocou longas retencións na estrada PO-308, ao seu paso por Poio.
O accidente produciuse sobre as dez da mañá na Avenida de Andurique, segundo informou o 112 Galicia, e nel dous dos condutores resultaron feridos.
Ambos foron trasladados en ambulancias do 061, un ao Hospital Montecelo e outro ao QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
As retencións na PO-308 rexistráronse durante uns 45 minutos, xa que os coches quedaron cruzados sobre a calzada.
A Policía Local de Poio tivo que regular o tráfico para deixar aos coches circular pola zona de maneira alternativa por un dos carrís de circulación.
Ao lugar do accidente tamén se desprazaron efectivos do GES de Sanxenxo.