Activan o protocolo de frío para persoas sen hogar ante as baixas temperaturas destes días
Por Redacción
Tres graos de mínima marcaron os termómetros esta madrugada. As baixas temperaturas que se están a rexistrar estes días obrigou ao Concello de Pontevedra a activar o protocolo de frío. Nunca antes se tivera que poner en marcha tan cedo no ano, xa que habitualmente non fora necesario facelo ata mediados do mes de decembro.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, explicou que xa están avisadas todas as entidades sociais da Rede Axuda que dan cobixo e alimento ás persoas que viven na rúa para que recollan os kits de frío que conteñen roupa de abrigo e vasos térmicos para pasar estes días o mellor posible. En principio usaranse os materiais que quedaron de remanente do ano pasado, "pero se fan falta máis, mercaranse".
Tamén están avisados os albergues de San Javier e Calor y Café, onde poderían pernoctar as persoas sen fogar. Os axentes da Policía Local avisarán as persoas que dormen na rúa para que acudan a estes centros. Se neles nos hai prazas, derívanse ao hostal Peregrino, situado nas inmediacións do albergue de peregrinos, que colabora sempre con esta alerta.
"Todos os actores que participan na activación de este protocolo funcionan perfectamente, saben moi ben cal é o seu papel", destacou Carmen Fouces. O obxectivo fundamental deste operativo, no que participa a Policía Local, a concellaría de Benestar Social e todas as entidades que traballan neste eido social, é que "as persoas sen fogar estas noites non corran perigo e teñan un lugar onde poder resgardarse do frío".