A romaría do Castrove, pistoletazo de saída para as municipais dun PP que promete "non perder o tempo en cortinas de fume"
Por Redacción & Cristina Saiz
A Romaría do PP do Monte Castrove volveu celebrarse este domingo tras dous anos de ausencia provocados pola pandemia. Nesta primeira edición desde 2019, a XV da súa historia, arredor de 600 persoas déronse cita en Poio e deron xa o pistoletazo de saída de cara ás eleccións municipais de 2023.
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, aproveitou esta cita para dar por iniciado xa o camiño cara aos comicios municipais, nos que promete "seguir ofrecendo o que o partido ofrece sempre", que non é máis que "unión; estabilidade, agora que é tan difícil; xestión, para solucionar os problemas da xente; e non perder o tempo en cortinas de fume".
Rueda presume de que "un partido que se reúne para estar unido un día como hoxe é un partido que vai seguir unido todo o tempo que queda ata o día das eleccións".
A cita 'popular' contou coa participación da vicepresidenta do Congreso e secretaria de Sanidade do PP nacional, Ana Pastor; o secretario xeral provincial, Luís López; a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; a deputada autonómica Lupe Murillo; e o portavoz do PP en Poio, Ángel Moldes.
Ante todos eles e 600 afiliados e simpatizantes do partido, Rueda lembrou que á formación lle queda "un ano para grandes ledicias" e que ata entón "hai moito que traballar", polo que transmitiu "ánimo" a toda a formación.
O líder do PP galego tamén lembrou que "se non gañamos, non imos gobernar, algo que parece moi normal, pero que só nos pasa a nós", e alentou a "facer todo o posible para poder gañar as eleccións en todas partes", en liña cos 313 obxectivos que se marca a formación.
Ademais, Rueda falou en clave local e amosouse convencido de que despois das próximas municipais Ángel Moldes será o futuro alcalde de Poio. Para conseguilo, recomendoulle "seguir falando con todo o mundo, aprendendo de todo o mundo e escoitando mesmo a quen non quere escoitar".
APOIO A ENCE
Tamén os traballadores de Ence tiveron un oco no discurso de Rueda, aos que enviou toda a súa forza fronte aos "demagogos que xogan cos postos de traballo".
Ademais, lembrou que tanto o Goberno da Xunta como o PPdeG "apoiamos ás empresas que crean postos de traballo" e trasladou ese apoio "á xente que loita por conseguir un posto de traballo e mantelo, aos que día a día intentan facer as cousas mellor".
Relacionadas:
-
Ángel Moldes presenta o seu proxecto 'Vamos Poio' para aspirar á alcadía
Por Redacción |
-
"Todo o que contribúa a aumentar profesionais é benvido", afirma Rueda sobre a oferta de casas de Sanxenxo a médicos
Por Oskar Viéitez |
-
Alfonso Rueda asume "con enorme ilusión" as rendas do PPdeG: "Serei moi esixente conmigo mesmo"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Rueda 'reta' a Cuca Gamarra e Elías Bendodo a seguirlle o ritmo polo Lérez
Por Redacción |
-
Pontevedra márcalle a Alfonso Rueda o "camiño a seguir" para a quinta maioría do PP
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |