O pleno de Poio aproba un convenio cos comuneiros de Combarro para crear un circuíto BTT
Por Redacción
O pleno ordinario de maio do Concello de Poio aprobou o convenio de cesión de uso para equipamentos e actuacións municipais coa comunidade de montes Rega dos Agros de Combarro, a través do cal o Concello poderá habilitar un circuíto para bicicletas BTT nunha parcela que pertence a este colectivo.
A concelleira de Deportes, Marga Caldas, agradeceu a colaboración dos comuneiros e sinalou que "poderemos facer realidade unha actuación necesaria, que dá resposta a unha demanda do tecido deportivo do municipio, xa que esta modalidade cada vez conta cun maior número de participantes en Poio".
Ademais, na sesión plenaria tamén se aprobou unha modificación orzamentaria que ascende a máis de 200.000 euros, e que se leva a cabo para incrementar partidas xa existentes, encamiñadas á realización de diferentes actuacións. Unha delas é a mellora da pista polideportiva da Reiboa.
Tal e como consta na documentación, grazas a esta modificación orzamentaria, o orzamento incrementarase en preto de 23.000 euros. Neste caso, as tarefas centraranse na mellora da superficie e tamén nun novo pintado, entre outras.
A todo isto hai que sumarlle tamén outras actuacións cuxos trámites xa están en marcha para a mellora de instalacións deportivas, como é a substitución do céspede sintético do campo de fútbol da Reiboa.
Neste caso, os traballos centraranse na dotación dun novo tapete de última xeración, homologado e que cumprirá con todas as esixencias de calidade que establece a FIFA. Contémplase, asemade, a reparación do asfalto, para garantir unha correcta escorrentía das augas, o que axudará a evitar acumulacións no céspede en época de choivas. Ademais, no proxecto inclúese a limpeza e posta a punto do sistema de drenaxe.
Ademáis, habilitarase o novo tapete. Ademais, a concelleira de Deportes informa de que este proxecto aproveitarase tamén para renovar as porterías, as bandeirolas e os canóns de rego.
CRÍTICAS DO PP
Pola súa banda, o voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, criticou que na orde do día do pleno o goberno local incluíse unha actualización da ordenanza do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), e denunciou que "mentres moitos concellos apostan por rebaixar ou eliminar este imposto, o tripartito opta por seguir recadando".
"Ademais da ansia xa coñecida de recadar, actualizar e subir todos os impostos, esta modificación do ICIO e da taxa de licenzas urbanísticas mostra serias dúbidas das liquidacións cobradas ata ao día de hoxe", asegurou Moldes.
Relacionadas:
-
A superficie do pavillón polideportivo do CEIP Lourido será renovada
Por Redacción |
-
Adxudicada a mellora e substitución do céspede do campo da Reiboa
Por Redacción |
-
As novas papeleiras de Combarro serán máis ecolóxicas
Por Redacción |
-
O pleno de Poio aproba unha modificación técnica do ICIO "que non afecta a bonificacións e gravames"
Por Redacción |
-
A Deputación aproba novas achegas do Plan Concellos para Poio, Vilanova e Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Poio repartirá 180.000 euros en axudas directas ao tecido deportivo do municipio
Por Redacción |