Catorce establecementos participan esta fin de semana no certame Marín Pincho a Pincho
Por Redacción
A segunda edición da cita gastronómica Marín Pincho a Pincho celebrarase os días 3, 4 e 5 de xuño. A presentación do evento tivo lugar no Concello coa presenza da concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, e representantes Botón de Ancla, a asociación organizadora.
O roteiro consistirá na degustación dos petiscos presentados a concurso polos 14 establecementos hostaleiros participantes.
Son Guiño ao Caribe (Restaurante O Qüenco de Aguete), Resurgir (Café-Bar Thalavo), Mar de Grelo (Montse Bar-Tapas), Xoán (Bar Bianco), Illa de Tambo (Cafetería Xainza), Morriña da Terra (Cafetería Polymnia), Galicia Calidade (Brasería La Posada), Canastita andaluza (Tapería El Cortijo), Crujiente Vides (Vinoteca As Vides), O raxo do Marqués (Cafetería A Estiba), Marín forever (Bar Koré II), Mistura Mare Noso (Cafetería Alameda), Nubes misteriosas (Cafetería Mask) e Tosta de polo ao curry (Cafetería Royalty).
Os petiscos poderanse degustar de venres a domingo en horario de 11.30 a 15 e de 19 a 22 horas ao prezo de 2 euros a unidade. Os clientes entrarán no sorteo de diferentes agasallos para o que terán que selar unha tarxeta acreditativa das súas consumicións nos establecementos participantes.
Os petiscos participantes no concurso serán valorados por un xurado composto por tres profesores da Escola de Hostalería Carlos Oroza de Pontevedra e os tres mellores recibirán como premio un trofeo acreditativo e unha viaxe.
O domingo ás 21 horas, no Palco da Música da Alameda Rosalía de Castro, levará a cabo a entrega de trofeos e premios no transcurso dunha festa que será amenizada polo Dúo A Rosa e Antonio Miniño.