Volve 'En Ruta coa Depo' con 32 percorridos por toda a provincia
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación ditaminaba esta semana as 314 asociacións sen ánimo de lucro que participarán na quinta edición de 'En Ruta coa Depo'. Esta actividade regresa despois da parada de dous anos motivada pola pandemia. A proposta contempla a creación de espazos sociais de unión e convivencia.
Este ano 16.836 persoas participarán neste programa provincial para coñecer os lugares máis emblemáticos da provincia a través de 32 roteiros temáticos, segundo informou a presidenta provincial Carmela Silva. Todas as prazas atópanse subvencionadas pola institución e 316 delas contarán con financiamento ao 100% da Deputación para que persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social poidan participar.
Un guía de turismo encargarase de ofrecer información en cada un dos roteiros, que inclúen a comida e o transporte. A maior demanda prodúcese nas rutas marítimas entre as que destacan a visita a Illa da Toxa, á ría de Arousa; ao Museo dá Salazón no Grove e o xacemento da Lanzada; pero tamén conta con gran aceptación a visita ao Castelo de Soutomaior; a Ponte Sampaio; ao Museo Meirande de Redondela; do mesmo xeito que a da Illa de San Simón; a visita ás Cíes ou ao barrio do Berbés en Vigo.
INSCRICIÓN PARA UN NOVO ROTEIRO ORNITOLÓXICO
A Deputación tamén anuncia que está aberto o prazo a partir deste luns 6 de xuño para inscribirse ao roteiro ornitolóxico 'Voando nas Rías Baixas' nas Brañas de Xestoso. A visita será o 19 de xuño e é grautita, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife.
Nesta ocasión poderase observar un espazo declarado Zona de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000. O número de prazas dispoñibles é de 25 e a inscrición de realizarse na web da Deputación.
A partir de xullo realizaranse outras camiñadas dentro deste programa: o día 10 pola Serra do Suído; o 6 de novembro na Enseada de San Simón; e a última chegará o 18 de decembro cun roteiro pola desembocadura do río Lérez e Intermareal Combarro-Lourido.