Celebración ao grande da Festa do Viño Tinto do Salnés Barrantes 2022
Por Redacción
Ribadumia volveu vivir unha fin de semana ao grande coa celebración da XLIX Festa do Viño Tinto do Salnés de Barrantes (2022). Durante toda a fin de semana, centos de persoas achegáronse polo municipio para participar nos eventos organizados para a ocasión. Unha vez máis, os festexos tamén serviron para demandar o recoñecemento oficial deste viño híbrido, que se traballa na zona.
Durante este domingo, a praza do Concello acollía os xogos tradicionais mentres na capela, a Escola de Música ofrecía unha actuación e na carpa dos postos desenvolvíase un showcooking.
Como xa é habitual gozouse dunha sesión vermú, coincidindo co final da misa cantada e a procesión coa intervención da Coral Polifónica de Cambados, Os Carballeiras e Volandeira. Ao longo da tarde tamén se celebran actividades extraescolares e a verbena final con actuacións de grupos como Añoranza e M80, ademais da orquestra Panorama.
Nesta edición os gañadores dos primeiros premios foron Francisco Martínez Castro, de Ribadumia, na modalidade de viño tinto, mentres que Celso Rubén Vieites, de Corvillón-Cambados, obtiña o primeiro premio na categoría de viño autóctono.
Pero ademais da festa tamén houbo tempo para un acto de axuda humanitaria coa celebración da V Andaina Solidaria do Concello de Ribadumia. Nesta ocasión, a asociación seleccionada para recadar os fondos achegados polos participantes foi Aga- Ucraína.