O Servizo de Xinecoloxía do Hospital Provincial consolida o uso do robot cirúrxico Da Vinci para intervencións complexas de procesos oncolóxicos
Por Redacción
O servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Provincial de Pontevedra informou que xa ten consolidado o emprego da cirurxía robótica co Da Vinci para a realización de histerectomías e linfadenectomías pélvicas e paraórticas de procesos oncolóxicos coma os cancros de endometrio e ovario, que levan asociados a realización de ganglio centinela.
Segundo explica a doutora Iria Aparicio Rodríguez, do servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do Hospital Provincial, "trátase de intervencións cirúrxicas complexas, nos que o emprego da cirurxía robótica pode achegar maior precisión, mellorar os resultados doutras técnicas cirúrxicas e acurtar os tempos de recuperación".
O equipo de robótica de Xinecoloxía do Complexo Hospitalario pontevedrés –composto polos doutores Aparicio, Vidal e Moral- sinala que a maioría das intervencións cirúrxicas de procesos oncolóxicos avanzandos efectuábanse desde o ano 2015 por vía laparoscópica, pero desde o pasado 2021 xa se acometen con cirurxía robótica. Cómpre subliñar que a histerectomía abdominal é un procedemento cirúrxico de práctica frecuente, que consiste na extracción do útero e anexos, técnica que habitualmente se realiza mediante cirurxía aberta, tamén denominada laparotomía.
As súas indicacións van desde causas benignas, como son os miomas, a causas de patoloxía maligna tales coma os cancros xinecolóxicos. Nos últimos anos e segundo criterios axeitados, a abordaxe destes casos pódese facer vía laparoscópica mediante pequenas incisións a nivel abdominal, o que supón unhas vantaxes importantes para as pacientes como a diminución dos sangrados, un menor tempo de hospitalización, a diminución da dor postoperatoria e mellores resultados estéticos, entre outros.
Coa incorporación tecnoloxía do robot Da Vinci dende 2021 no Complexo pontevedrés, segundo engade a xinecóloga Iria Aparicio Rodríguez, "demos un novo salto cualitativo na nosa área sanitaria, xa que os xinecólogos podemos chegar a zonas de máis difícil acceso en procesos de maior complexidade, onde non o fan outras técnicas cirúrxicas convencionais. Ademáis, o tamaño das incisións é menor, cun mellor e máis curto período post-operatorio, menos dor, menor posibilidade de complicacións e, en definitiva, unha máis rápida recuperación das nosas pacientes".
Relacionadas:
-
Trasladan a unidade de Partos do Provincial para poder renovar as súas instalacións
Por Redacción |
-
O Complexo Hospitalario de Pontevedra pechará o 13% das súas camas este verán
Por Oskar Viéitez |
-
O robot cirúrxico Da Vinci opera por primeira vez en Montecelo un caso de cancro de colo
Por Redacción |