Os plans da Xunta para o Frei Martín Sarmiento pasan por convertelo nun centro exclusivo de FP
Por Diego Espiño
O futuro do Instituto Frei Martín Sarmiento é converterse nun Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP), renunciando a impartir clases de ESO e Bacharelato.
Trátase dunha decisión que a Consellería de Educación tiña tomada pero que se paralizou pola pandemia, e agora "retomarase en canto sexa posible", recoñeceu na Comisión de Educación do Parlamento de Galicia o secretario xeral de Educación e FP da Xunta, José Luis Mira, respondendo a unha pregunta formulada pola deputada socialista Paloma Castro.
Esta decisión, cuxos prazos non se aclararon e que non afectaría aínda ao próximo curso lectivo, obrigaría a trasladar ao redor de 500 persoas entre alumnos e docentes de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato a outros centros educativos da cidade.
Mira defendeu que esta decisión responde o obxectivo do goberno autonómico de reforzar o ensino de Formación Profesional, lembrando que no caso do Frei Martín Sarmiento "sempre estivo ligado" a este tipo de ensino e na actualidade conta con "os ingredientes para ser un magnífico centro integrado de FP"
De feito nas súas orixes, o entón coñecido na cidade como Politécnico, estivo centrado nos ciclos de formación. Foi así ata que en 1998 a falta de espazo noutros centros fixo que incorporase o ensino secundario e Bacharelato.
O PSOE CRITICA A FALTA DE INFORMACIÓN Á COMUNIDADE EDUCATIVA
As explicacións do secretario xeral de Educación e FP chegaron tras a pregunta da socialista Paloma Castro, quen defendeu que "independentemente das posturas a favor e en contra, é unánime entre a comunidade educativa a necesidade de coñecer o proxecto canto antes, xa que entre outros motivos organizativos, a súa posible transformación implica o traslado de 500 estudantes e entre 35 e 40 profesoras e profesores", advertiu.
Neste sentido, Castro criticou a "falta de información" por parte da Xunta e lembrou que en Pontevedra xa existe un centro de Educación Profesional como o IES Montecelo, onde sería "máis coherente" incluír a nova oferta de ciclos de formación.
Relacionadas:
-
Educación converterá en centro integrado de FP o IES Montecelo de Pontevedra
Por Redacción |
-
A FP da cidade de Pontevedra desprega este curso a maior oferta da súa historia con preto de 2.000 prazas en 70 ciclos
Por Oskar Viéitez |
-
Instan a Educación a aclarar o futuro do IES Frei Martín Sarmiento
Por Redacción |