O alumnado do CEIP Espedregada celebra o Día do Medio Ambiente no Monte Castrove
Por Redacción
Máis de 50 alumnos do CEIP Espedregada de Raxó participaron este venres no Monte Castrove nunha xornada didáctica para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente.
A actividade, que estivo cargada de xogos e actividades educativas sobre a natureza, iniciouse despois das 10:00 horas cunha visita ao Bosque de Colón, a plantación de secuoias máis grande de Europa, e unha charla sobre a historia e os valores ambientais do Bosque a cargo do axente ambiental Manuel Viéitez, que participou na Plantación do Bosque en decembro de 1992
Algún dos 500 exemplares plantados naquel tempo por mozos estadounidenses e galegos en conmemoración do V Centenario miden hoxe preto de 20 metros e conforman unha contorna única para a aprendizaxe sobre o medio.
A continuación, os alumnos realizaron unha plantación de árbores autóctonas, carballos e sabugueiros provenientes do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, baixo a coordinación do axente Gonzalo Gamallo, utilizando macetas biodegradables fabricadas polos propios alumnos.
As actividades continuaron ao longo da mañá cunha charla de concienciación sobre os incendios forestais nun lugar, o Monte Castrove, castigado por eles en numerosas ocasións. Os alumnos aprenderon os seus riscos e como evitalos e presenciaron unha demostración de equipos de extinción, como motobombas, a cargo dos axentes ambientais.
Tamén realizaron manualidades e descubriron xogos populares tradicionais como os 'tira tacos' de sabugueiro e recibiron un obsequio dos axentes forestais como recordo da actividade.
Foi unha xornada chea de goce, xogos e educación sobre a conservación do Medio Ambiente e a gran riqueza ambiental do Monte Castrove.
A actividade estivo organizada pola dirección e o ANPA do Centro, contou coa colaboración da Comunidade de Montes de San Xoán de Poio e foi coordinada e supervisada polos axentes ambientais da Xunta de Galicia Manuel Viéitez e Gonzalo Gamallo, acompañados de membros das súas cuadrillas de traballo.