Noite de medo en Salcedo cun roteiro nocturno e teatralizado sobre as lendas da parroquia
Por Redacción
Unha auténtica aventura de terror poderán vivir os que se atrevan a participar nunha actividade que, baixo o nome de O Roteiro do Medo, celebrarase este venres 17 de xuño en Salcedo.
Será un percorrido nocturno teatralizado que xirará ao redor da mitoloxía do lugar, en concreto das lendas máis vencelladas ao mundo do terror, como a Santa Campaña, a luz de Sete Camiños, as bruxas que se xuntan na noite de San Xoán ou a figura do rachador; entre outras.
O antropólogo Rafa Quintía será o guía desta ruta, que busca "poñer en valor ese patrimonio oral que temos, en concreto eses aspectos sombríos, e facelo dun xeito asequible para todos os públicos, mais poñendo o foco na xente nova, que poden achar interesante esta proposta".
Promovida pola área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra, en colaboración coa asociación cultural Casa Verde e AB Origine, a cita comezará ás 22.30 horas, no monte de San Martiño de Salcedo, en concreto no ámbito do Parque Etnoarqueolóxico do Outeiro das Mouras.
Quintía explica que será un percorrido circular, duns dous quilómetros, que non requirirá esforzo físico como tal, e polo que se irán sucedendo unha serie de encontros dirixidos pola actriz Raquel Queizás con axuda dun grupo de actores amateurs da asociación Casa Verde.
Trátase dunha actividade de balde, se ben desde a asociación lembran que haberá un límite de inscrición pequeno para manter o ambiente de medo e gozar mellor do percorrido.
As solicitudes para formar parte do roteiro poden ser realizadas a través das redes sociais da asociación Casa Verde.