Vía libre para contratar a reforma integral da contorna da Casa Consistorial
Por Natalia Puga
A Xunta de Goberno local de Pontevedra acaba de dar un novo empuxón a unha nova actuación dentro do proxecto de remodelación da Casa Consistorial de Pontevedra, que é unha das actuacións máis ambiciosas do actual mandato municipal. Este luns aprobouse o expediente de contratación da obra de rehabilitación integral da contorna da Casa Consistorial.
A obra sae a licitación por 260.381,96 euros e ten un prazo execución de 6 meses, segundo lembrou a portavoz do Goberno, Anabel Gulías.
Tal e como xa explicara ao concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda, esta actuación na contorna terá impacto no lateral do edificio, no que se notará especialmente a retirada dos antigos baños públicos e a creación dunha plataforma única empedrada.
Esta actuación, tal e como lembrou Gulías, terá unha parte máis estética para mellorar a contorna e os xardíns situados ao carón da Casa Consistorial e outra máis práctica que ten que ver coa instalación de climatización no inmoble e que suporá unha "revolución" en relación coa eficiencia enerxética.
A retirada dos baños e a climatización teñen que ir "en paralelo", de maneira que o Concello vai intentar "acelerar os trámites" para a contratación dos traballos.
Anabel Gulías sinalou que, mentres tanto, avanza a primeira fase da obra na Casa Consistorial xa adxudicada e "nos próximos días" agardan que se coloque un toldo que cubrirá as fachadas principal e lateral. Será un toldo duns 65 metros que confían en que "non sexa demasiado inconveniente" para a veciñanza que transita pola zona.
Relacionadas:
-
A impactante luz do edificio de Sesmero que as reformas da Casa Consistorial ocultou
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tes algunha suxerencia para a reforma da Casa Consistorial? O Concello pide opinións aos marinenses
Por Redacción |
-
A rehabilitación do edificio de Churruchaos terá un orzamento de 1,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O lateral da casa consistorial pasará a ser unha plataforma única empedrada
Por Alejandro Espiño |